Outra fotografía:
Tipo de ben: Monumento megalítico (túmulo, dolmen, pedrafita...),
Concello: Cedeira
Parroquia: Santa María de Régoa
Lugar: Alto da Capelada
Outra denominación do ben: Milladoiros de Santo André de Teixido
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:
Amoreamentos de pedras que os romeiros foron deixando ao longo dos séculos no seu peregrinar ao santuario de San Andrés de Teixido, rito que aínda hoxe séguese a practicar. Chega a falarse dunha vintena de amilladoiros no Alto da Capelada, e media docena nos treitos de baixada a San Andrés. Hoxendía, e sen grandes esforzos, poden ser observados varios deles en perfecto estado, como o do Campo do Choíño, na chamada Costa Pequena.
O santuario está situado na Serra da Capelada, preto dos cantís sobre o mar. Trátase dunha capela de estilo gótico tardío e tipoloxía mariñeira adicada a San Andrés. Arquitectonicamente é salientable o arco triunfal, de tipo apuntado, e mais o arco conopial da porta lateral. Máis tardíos son a fachada e a torre campanario, ámbolos do século XVIII.Durante a Idade Media a ruta de San Andrés foi protexida polos cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén
O ritual de deixar pedras nos amilladoiros está documentado noutras rutas de peregrinación no Noroeste da península ibérica, como ben demostran as noticias dun milladoiro no camiño ao santuario da Virxe da Pastoriza (en Arteixo, provincia da Coruña), o topónimo de Milladoiro en Ames (A Coruña), na ruta do Camiño Portugués a Santiago, ou o amilladoiro existente no Camiño Francés, no lugar de Foncebadón, provincia de León, no cumio do Alto da Cruz de Ferro.
Xunto a dos amilladoiros, existen outras interesantes tradicións arredor deste santuario de peregrinación, a meirande parte delas de clara orixe pagá. De feito, fálase dunha orixe prerromán deste culto, e as semellanzas con outros exemplos en lugares da Europa atlántica levan a pensar nunha relixiosidade de raigame celta.
O dito popular di que a San Andrés vai de morto quen non foi de vivo, polo que aquel que se ofreceu a San Andrés, e non puido cumprir en vida, pode contar coa axuda dos seus familiares para acompañalo. Moi característicos son os exvotos feitos con pan, os “sanandresiños”, que os fieis ofrecen ao santo para acadar as súas arelas, protección para a saúde, sorte no amor, contra o mal de ollo,..etc. Moi preto da capela atópase a fonte do santo, de tres canos, con poderes adiviñatorios (os cachos de pan botados a auga marcan a sorte das peticións, segundo floten, -signo positivo-, ou se afunden, -signo negativo-. Outro costume é apañar a herba namoradeira que crece nos cantís de Teixido, eficaz para a sorte de amores, ou voltar da romaría co ramo de Santo André, consistente nunha vara de avelao con varias poliñas de teixo, (árbore sagrada por excelencia, xunto ao carballo e a aciñeira), e herba namoradeira atadas.
“Indo para San Andrés
seica me veu un agoiro,
non puiden levar a pedra
ao primeiro amilladoiro”
Fotogrametría:
Propiedade: Descoñecida
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Non está inventariado
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
ALONSO ROMERO, F.: Santos e barcos de pedra, Ed. Xerais, Vigo, 1991
ARMADA PITA, X. L.: «Cultos ancestrais e peregrinacións a Teixido», en Aulas no Camiño. Rutas Atlánticas (J. Leira ed.), Universidade da Coruña, 1997
FILGUEIRA VALVERDE, X. et al. (1998), Antropoloxía mariñeira: actas do Simpósio Internacional in memoriam Xosé Filgueira Valverde., Consello da Cultura Galega.
GONZÁLEZ REBOREDO, X. M. (1997), Guía de Festas Populares de Galicia, Guías Galaxia. Editorial Galaxia, S.A.
PENA GRAÑA, A., San Andrés de Teixido. El camino mágico de los Celtas.Equona Deseño Editorial,S.L.,Narón (A Coruña), 2006
RISCO, Vicente: “Etnografía: cultura espritual”, en Historia de Galiza (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), Vol I. Editorial Nós, Buenos Aires 1962, 255-777. Reedición Akal, Madrid 1979
VARIOS AUTORES, M. ANEIROS LOUREIRO «San Andrés de Teixido. Historias de romeros y peregrinos», Ed. Galicia Mágica, 2007
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 43.70104740881414Lonxitude: -7.98856258392334
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
2 comentarios
Fati says:
Ago 25, 2011
Quería engadir como referencia bibliográfica “El Santuario de San Andrés de Teixido”, de Rafael Usero. Un dos libros ó que máis apego lle teño.
Bicarelo says:
Mar 7, 2012
E xa de paso outra referencia importante: “San Andés de Teixido – Historia, leyendas y tradiciones” de Federico Maciñeira rematado no 1921. Para quen non o coñeza, unha verdadeira xoia e para o que si, un libro ao que sempre se volve.