Os participantes no proxecto patrimoniogalego.net xa catalogaron dous milleiros de bens culturais ubicados en Galicia. Tras acadar os primeiros mil monumentos inventariados, este era o seguinte grande obxectivo da web galega. A nova marca bateuse en menos tempo do previsto, unha vez máis grazas ao esforzo desinteresado dun cada vez máis nutrido corpo de colaboradores, dispostos a contribuír coa súa dedicación desinteresada a preservar o rico patrimonio cultural aínda existente en todo o noso territorio.
A fórmula escollida para construír este inventario, o catálogo social, está detrás do éxito acadado. Os catálogos sociais permítenlle á cidadanía poder involucrarse de xeito activo a través dunha participación directa no proxecto, ao contrario do que ocorre cos catálogos oficiais. Isto permite acelerar o proceso e despregar unha extensa rede de voluntarios que poida abranguir o conxunto da xeografía galega, dada a inxente cantidade de bens culturais existentes en Galicia e pendentes aínda da súa catalogación.
Distribución territorial do inventario de bens culturais de patrimoniogalego.net. En máis oscuro, as zonas con máis bens inscritos
Os participantes teñen a posibilidade de rexistrar un ben patrimonial a través da creación dunha ficha virtual. Nela figurarán fotografías e datos identificativos do ben en cuestión, así como o seu estado de conservación ou como chegar onda el. A tal efecto, os usuarios dispoñen de material facilitado polos editores de patrimoniogalego.net. Teñen á súa disposición impresos, que poderán utilizar cando realicen algún traballo de campo, nos que figuran aspectos de interese dos bens, como a súa datación, a súa propiedade ou a súa descrición. Neste senso, a tipoloxía que figura nas fichas vai dende os castros, os dolmens ou os petróglifos ata os pazos ou os castelos, pasando, como non, por bens inmobles coma os hórreos, as pallozas e outros, aínda que os máis comúns son as igrexas e os cruceiros.

Principais tipos de bens catalogados
Unha vez recollida a información precisa, os catalogadores poden daquela subir a ficha ao inventario en liña, quedando deste xeito constancia na web da existencia dun monumento ou dun ben cultural determinado, con todos os datos referentes a el. É máis, de non figurar toda a información necesaria, os propios editores do catálogo encárganse de contrastala e de completala, sempre na medida do posible. De non ser así, a ficha queda en suspenso ata que se dispoña de datos suficientes relativos a ese ben en concreto. E, en todo caso, unha vez publicada, calquera outro usuario que dispoña de nova información ao respecto poderá contribuír no futuro a completar ou mellorar esa ficha.
A ficha número 2000, subida por Óscar Franco, corresponde a un instituto en Vigo
Curiosamente, a ficha número 2000 correspondeu a un edificio civil urbano de carácter senlleiro: o que alberga o instituto de Santa Irene, ubicado na parroquia viguesa de Coia. Foi subida por Óscar Franco, un dos colaboradores máis activos neste catálogo social. Xunto con el, outros catalogadores que superaron a centena de bens inventariados son Elixio Vieites, Xosé Troiano, Gavilanes67, Xandinathry, Xocas e Manuel Rial.
En canto ao lugares da nosa xeografía nos que se rexistra un maior número de bens culturais inventariados, repártense entre a franxa atlántica e determinadas áreas do interior dos que dan conta catalogadores especialmente activos. É o caso do concello de Aranga ou de Baños de Molgas, posto que ambos os dous contan en patrimoniogalego.net con máis dun cento de bens catalogados.
O proxecto patrimoniogalego.net está aberto á cidadanía e non ten ánimo de lucro
Creado co soporte técnico de WordPress, patrimoniogalego.net é un sistema de información xeográfica (SIX) aberto á cidadanía, independente e sen ánimo de lucro, dado que ten como fin a preservación do patrimonio cultural galego, polo de agora limitándose aos bens de carácter inmoble. Do seu mantemento e do seu correcto funcionamento ocúpanse un grupo de voluntarios, profesionais en distintas disciplinas, que decidiron sacar adiante este proxecto de xeito altruísta e desinteresado a partir da creación da plataforma cidadá “Eu participaría dunha Mesa polo Patrimonio de Galicia”, xurdida o ano pasado na rede social Facebook a iniciativa do divulgador e profesor da USC Manuel Gago.
Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de Produción do catálogo, mentres que o propio Gago e Eladio Rial se encargan do deseño e do desenvolvemento da web. Pola súa parte, Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Elixio Vieites e Xosé Gago conforman o corpo de editores. O avogado Bernardo Dios ocúpase das cuestións xurídicas, mentres que o gabinete de comunicación está integrado polos xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde.
O maior catálogo en liña do patrimonio cultural galego, un proxecto consolidado
Cos dous mil bens acadados, os promotores de patrimoniogalego.net destacan a consolidación deste proxecto. O recoñecido como o maior catálogo en liña dos bens culturais de Galicia con información é tamén un dos máis amplos do Estado e xa se converteu nun referente mesmo a nivel europeo.

620.000 recursos do patrimonio cultural galego na túa man!





2 comentarios
Oscar Franco says:
Set 28, 2012
Seguiremos dando a coñecer o noso rico patrimonio a todo o mundo que teña curiosidade e sensibilidade pola beleza. Canta mámoa, castro, petróglifo, … estarán aínda escondidos na “selva” do noso mal coidado monte galego? Canto edificio civil, institucional, vivenda singular, … está a caer pola desidia dos gobernantes de calquera época?. Seguiremos na loita de descubrir a nosa historia e poñela en valor para os de hoxe e as xeracións futuras.
Gavilanes67 says:
Out 2, 2012
De momento solo e o comezo, seguiremos aportando moito mais.
Queda moito patrimonio que amosar, que teremos que dalo a coñecer.
Tiñamos que buscar a forma de involucrar a moita mais xente.
Se nos fixamos no mapa, temos zonas totalmente baleiras, e de seguro que están ateigadas de bens que merecen a pena ser mostrados.
Tamén pediría algunha mellora nas fichas, para que fosen mais dinámicas.
Animo a todos e seguir aportando.