Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Gondomar
Parroquia: Donas (Santa Baia)
Lugar: O Mosteiro
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval,
Descrición:

Igrexa dun antigo mosteiro feminino da orde de San Bieito, construído con autorización de Afonso VII grazas á doazón das terras feita en 1149 por Áurea Bellida.
As primeiras noticias documentais que se conservan datan de mediados do século XII. Consta dunha soa nave e ábsida rectangulares. Presenta no interior interesantes mostras de capiteis historiados así como decorados a base de motivos vexetais. No exterior destaca a fachada occidental aínda a pesar da torre engadida con posterioridade. A portada aberta no centro consta de tres arquivoltas semicirculares apoiadas sobre dous pares de columnas as exteriores e sobre as xambas a interior. Ten chambrana de billetes. A arquivolta exterior é de baquetas e unha fila de billetes, e sepárase da seguinte cun chafrán de bolas. As outras dúas arquivoltas son de baquetóns.
O tímpano non é o orixinal, que descoñecemos. O actual preséntase como un chafrán semicircular adornado de bólas e no centro un calvario soamente de cruces.
As columnas son de fuste monolítico, con basas entregas, de perfil ático con garras e plinto. Os capiteis son vexetais menos un que é historiado. Os ábacos teñen un chafrán recto decorado con cordón e bolas. Polo interior ten arco festonado cunha aresta achafranada decorada con bolas. Os muros laterais son lisos e perderon o beiril románico. Na cara sur atópanse tapiados os dous ocos en arco de medio punto das portas que a comunicaban co mosteiro. No lado norte, polos engadidos, desfíxose parte do muro románico e perdeuse unha das ventás seteiras. Había tres en cada lado.
Sobresaen os capiteis con decoración vexetal aínda que nun deles se representa a unha figura humana nua e cos brazos abertos.
As portas laterais teñen lintel, enmochetado e derrame nas caras interiores. As ventás que se fixeron nos corpos ampliados son rectangulares e con derrame ao exterior. As ventás románicas son seteiras con derrame interno, de directriz semicircular en aresta viva, que se soporta por dúas columnas de fuste monolítico liso, basas de perfil ático con garras nas súas esquinas e con capiteis vexetais e historiados.
Polo interior, baixo a liña de ventás conserva unha imposta decorada en billetes. A ábsida cóbrese cunha bóveda de canón lixeiramente peraltada e sostida por dous arcos faixóns en aresta viva que se apoian en dous pares de columnas entregas, de distinta altura e con basa de perfil ático con garras, fustes de semitambores e capiteis historiados.
As bóvedas da capela e da sancristía tamén son de canón transversais á nave. A nave, a partir da reforma de 1976, é a dúas augas, con cimbras á vista.
O Retablo maior está dedicado á patroa: Sta. Baia. Cobre a cabeceira da ábsida totalmente. Ten tres rúas. Na do centro, enriba do sagrario ten un expositor no que colocaron unha imaxe do Neno Xesús. Na fornela principal atópase unha imaxe da Magdalena. Nas das rúas laterais: o Sagrado Corazón e a Inmaculada. No ático, unha soa fornela central coa imaxe da Patroa.
Na capela hai o retablo do Cristo. Seguindo o costume da época, sobre unha pintura do Calvario, con Xerusalén ao fondo, as figuras da Dolorosa e S. Xoán, tamén pintadas, e por diante a imaxe de Cristo na Cruz.

No extremo noroeste do adro consérvase unha pilastra con reloxo de sol rematado en volutas nas que se apoia un busto humano. Ten a inscrición do ano 1813.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

ENLACE WEB
www.planteamientourbanistico.xunta.es/mapes/GONDOMAR/documents/0788004.pdf (P. 8 e 9)

BIBLIOGRAFÍA
SOLIÑO TRONCOSO, Antonio (2018). Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Ed: IEM – Instituto de Estudos Miñoráns
MOURE PENA, Teresa Claudina. Los monasterios benedictinos femeninos en Galicia en la Baja Edad Media: arquitectura y escultura monumental. UNED. Facultad de Geografía e Historia. Departamento de Historia del Arte. Tese doutoral 2015.
SOLIÑO TRONCOSO, Manuel, MOSQUERA VELEIRO, José Luis, SOLIÑO TRONCOSO, Alfonso e SOLIÑO TRONCOSO, Antonio (1995). Gondomar. Historia, Arte y Territorio. Ed: Ir Indo


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.0976830674
Lonxitude: -8.78825381398
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84