Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Gondomar
Parroquia: Gondomar (San Bieito)
Lugar: Ripote
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval, Século XIX,
Descrición:

Presenta planta de cruz latina: unha nave central e dúas capelas laterais, que forman a cruz. Inicialmente medieval, foi reformada no século XIX.
Na fachada principal ten unha ornamentación ben coidada. Encádrase con dúas pilastras laterais que teñen capitel simulado e basa con moldura. Rematan con pináculos na cuberta distintos aos do resto da cuberta. Toda a fachada remátase cunha cornixa continua dende o beiril ata a rúa central. Na rúa central, por riba da porta de entrada está o rosetón e, máis alto, o escudo de S. Bieito, rematando con cornixa e axedrezado no que apoia a torre do campanario.
A porta principal é de arco de medio punto peraltado, que se apoia sobre dous pares de xambas. Na primeira alóxanse un par de columnas entregas, coroadas de
capitel composto e apoiadas nun dado en chafrán. No arco da arquivolta interior ten como adorno unha estrela en cada unha das nove doelas semellando ménsulas en apoios. O frontón é triangular e está adornado con molduras que forman o símbolo de (IHS) en distintos planos. Nas rúas laterais da fachada principal, no primeiro corpo, ten dúas ventás lisas en forma de cruz. No segundo corpo, outras dúas que, para semellar a porta principal, rematan en arcos de medio punto e molduras para formar unha pestana semicircular. Apóianse en resaltes semellantes aos da porta. O rosetón abucínase cara ao interior e a súa celosía semella unha flor de oito pétalos con botón central. Dende a fronte está oculto pola cruz que remata o frontón da porta.
A torre do campanario é de planta cadrada cun oco por cada cara coroados con arcos semicirculares que se apoian nos moldurados das pilastras das esquinas. Enriba de cada un deles hai un frontón triangular con cruz no coroamento. Remátase con frecha de cubrición en sillería a modo de pirámide octogonal. Na base dela, por cada unha das caras, está a esfera do reloxo adornado por unha moldura que o cobre a modo de pestana.
Ten dúas sancristías, unha a cada lado do presbiterio. Na fachada da parte norte engadiuse unha capela que, na actualidade, serve como capela penitencial.
As fachadas teñen pilastras nos seus extremos coroadas por moldura lineal, similar á cornixa na que rematan para acoller a cuberta. Aproximadamente no
medio da nave teñen cada unha delas un contraforte para arrostrar a fábrica. Na fachada leste, o muro é piñón e remátase no pincho cunha cruz. Con toda probabilidade, na súa orixe, os muros estiveron revestidos e encalados.
As portas laterais presentan recercados, enmochetados e derrames nas súas caras interiores, e o lintel forma unha pestana sobre os ocos. As ventás tamén están recercadas e os seus derrames son abucinados. Polo interior están cubertas por vidreiras. Nos vértices da cuberta ten como adorno uns pináculos moi estilizados e distintos aos que rematan as pilastras da fachada principal.
A ábsida ten bóveda de aresta. Tamén teñen bóveda de aresta os dous tramos da nave, apoiada en arcos formeiros de medio punto e pilastras. A cúpula do cruceiro é máis elevada que as bóvedas e descansa en catro columnas. A bóveda da sancristía é de canón. Todas as bóvedas están encaladas contrastando coa cantería dos muros. Tanto na ábsida coma na nave ten floróns para decoración.

Nun dos muros laterais da igrexa podemos ver un peto de ánimas (http://patrimoniogalego.net/index.php/91151/2016/12/peto-de-animas-no-adro-da-igrexa-de-san-bieito-de-gondomar/)


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta: RI.000031672
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

Na ábsida está o retablo maior. É un retablo neogótico, restaurado recentemente. Presenta tres rúas. As dúas laterais sobre peañas teñen as imaxes do Sagrado Corazón de Xesús e de María. A rúa central ten unha gran fornela con dobre columna que acolle a S. Bieito. Enriba dela, nun templete con catro columnas que sustentan o remate, S. Gregorio.
Parece ser que no barrio de Bade estivo a primitiva igrexa parroquial, adicada a S. Gregorio Magno. Por iso, a súa imaxe, barroca, do século XVII, está no retablo maior e é a máis antiga e valiosa da parroquia.
Nas capelas do cruceiro hai dous retablos neogóticos en cada unha delas:
– No lado sur: Purísima e Sto. Antonio.
– No lado Norte: Ánimas e Nazareno.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

ENLACE WEB
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/GONDOMAR/documents/0788CA004.pdf (Páxina 13)

BIBLIOGRAFÍA
SOLIÑO TRONCOSO, Antonio (2018). Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Ed: IEM – Instituto de Estudos Miñoráns


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.11216415
Lonxitude: -8.7586542964
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84