
Outra fotografía:
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Tui
Parroquia: Tui (O Sagrario).
Lugar: Casco histórico.
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII), Século XIX,
Descrición:
A orixe desta capela está nunha antiga vivenda na que residira o santo patrono da cidade de Tui e que á súa morte convertérase en lugar de culto. Dadas as reducidas dimensións da capela que sobre esa casa se construira, o bispo D. Juan Manuel Rodríguez Castañón no ano 1769, toma a decisión de construir sobre a antiga capela unha nova construción que se adaptase ás funcións relixiosas. Para tal obra, o bispo dispuxo que se convocase un concurso para o deseño da nova obra que foi gañado polo arquitecto portugués e frade franciscano Frei Mateo de Jesús Maria.
As obras deron comezo o 23 de xuño de 1769, pero un mes despois faleceu repentinamente o bispo benefactor e a partires dese momento comezaron os problemas orzamentarios e retrasos. As obras foron adxudicadas aos mestres canteiros Francisco Antonio Muiños, Juan Francisco Novás e Felipe Lopo que non dan rematado as obras no prazo convido por contrato. En 1790 asínase un novo contrato para o remate da obra co arquitecto e mestre de canteiría, natural de Pazos de Reis, Domingo Antonio de Novás e Lemos.
A capela finalmente é concluida en 1802, e é consagrada nunha cerimonia solemne polo bispo D. Juan García Benito o 29 de setembro de 1803.
Dadas as características estilísticas e arquitectónicas desta capela, pódese dicir que é un dos edificios máis significativos e singulares de Galicia, é a única igrexa netamente en estilo barroco portugués que hai no país.
O edificio presenta unha planta centralizada sobre a que se levanta unha falsa cúpula. Como material de construcción emprégase o granito, que na fachada móstrase descuberto nos elementos decorativos e enfoscado nas superficies planas.
A fachada principal, inusualmente orientada cara o norte, Frei Mateo explota todo o seu potencial creativo coa fin de crear un paramento cheo de expresividade, intensamente movido e dunha profusa ornamentación que nos remite ao tamén arquitecto portugués André Soares. Esta fachada presenta unha tendencia vertical configurada a través de superficies planas e curvas entre as que se misturan todo tipo de elementos como molduras articuladas, espazos ocos, fornelas, que dun xeito caprichoso outorgan un aspecto extremadamente movido e orixinal que parece remitir á fachada da capela de S. Maria Magdalena de Braga. A fachada divídese en tres rúas, na que a central é receptora de toda a riqueza ornamental. Nela ábrense dous vans, a porta, baixo arco carpanel e recercada por unha moldura que se vai abrindo en sucesivos planos e o ventanal, de deseño polilobulado. Remata o corpo central pola fornela que alberga a imaxe de San Telmo.
A rúa central é flanqueada por pilastras corintias de orde xigante que a separan das rúas laterais. Asimesmo, a fachada aparece enmarcada por soportes xigantes que sosteñen un entablamento de trazado mixtilíneo rematado por cornixa voada e quebrada nos ángulos. Finalmente, esta fachada coróase cun pequeno campanario, que debido a motivos económicos sustituiu as dúas torres laterais proxectadas inicialmente.
Os paramentos laterais, en contraste coa fachada principal son absolutamente austeros, carentes de ornato e tan só enfoscados. Sen embargo mostran un ritmo lixeiramente ondulado con incurvacións nos extremos. Este recurso de carácter borrominesco, é un rasgo totalmente infrecuente na arquitectura barroca galega, nin tan siquera nas máis importantes construccións compostelanas.
A pesares de que en inicio estaba proxectada unha cúpula, a falta de recursos fixo que se cubrise cunha bóveda de arestas que ao exterior tradúcese nun tambor octogonal reforzado nos seus ángulos con contrafortes en forma de voluta, ao xeito do barroco italiano. Pódese afirmar que se fixo da necesidade virtude, pois a solución adoptada en nada desmerece con respecto á traza proxectada orixinalmente.
O feito de que se construise nun terreo en declive provocou con gran acerto que a capela estivese dotada de cripta baixo a nave, gardando o lugar no que viviu e morreu o santo. A porta de acceso a este espazo é outra obra de grande orixinalidade debido ao seu deseño en forma de oco rectangular con montante e silueta en chave e decoración a base de tramos cóncavos e ondulacións.
En canto á configuración espacial, Frei Mateo concibe un espazo de planta centralizada na que se inscribe de forma leve unha cruz. O eixo litúrxico desemboca na capela maior cuberta por bóveda de canón. Nos ángulos levántanse grandes machóns enmarcados por pilastras que na parte inferior albergan portas con arco carpanel que dan acceso aos pequenos balcóns abertos na parte superior. Estes balcóns constitúen outro dos rasgos de grande orixinalidade e sen precedentes ata entón no barroco galego. Son estes elementos os que lle confiren a esta pequena capela un carácter festivo e incluso teatral característicos do barroco e que nos poñen en sintonía con algunhas igrexas alemanas deste mesmo período. Finalmente, o espazo interior remátase cunha cornixa e balconada corrida sobre todo o perímetro. En definitiva, un interior de marcado dinamismo en consonancia coa fachada.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta: CT/03-ARQ/40
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
PEREIRA MOLARES,A.M. «Arquitecturas y arquitectos en la Diócesis de Tui. Siglos XVII y XVIII». F. Pedro Barrié de la Maza, 2006. (pp. 598-605)
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/TUI/documents/27513CA103.pdf (p. 40)
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Moi bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.045791089711415Lonxitude: -8.64350974559784
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84


620.000 recursos do patrimonio cultural galego na túa man!





1 comentario
Oscar Franco says:
Mar 12, 2013
No seu interior destaca o retablo do Carme, obra de Manuel Pérez da Vila, do ano 1757.