Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Baixo Miño (comarca) / Oia
Parroquia: Pedornes (San Mamede)
Lugar: Padornes
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Do primitivo templo non quedan restos, aínda que polas trazas, podería ocupar a nave actual. Na fachada occidental, moi sinxela, atopamos unha porta de arco de medio punto, e nas súas doelas centrais a inscrición “1732 REFUGIO”. Mesmo enriba hai unha fornela que acolle a imaxe pétrea do Patrón. Para protexela puxéronlle marco de aluminio e cristal. Unha fiestra rectangular completa o adorno do paramento. Cérrase cunha pequena cornixa lineal que ascende ata a base da espadana. Esta é de dous ocos tamén de arco de medio punto, e adorna os tres machóns coa mesma cornixa no medio deles, e por riba da moldura de remate. Ten cruz pétrea central e pináculos prismáticos nas esquinas.
Os paramentos laterais da nave están reforzados por catro contrafortes percorridos por unha cornixa de apoio do tellado, que é a dúas augas.
A capela maior ocupa o corpo do presbiterio, que é unha construción posterior á da nave. Ten planta cadrada, máis alta e ancha que a nave, e polo exterior adórnase con apilastrados nos esquinais. O seu tellado é a catro augas, e adórnase con pináculos nas esquinas. Ao lado norte engadíuselle a sancristía.
No interior, a nave presenta unha bóveda de placa a dúas augas dividida en catro tramos polos arcos de canón en pedra que se apoian en fortes pilastras. O último deles fai de arco triunfal. A bóveda da capela maior é de canón con moi bo traballo de cantería nos perpiaños que a forman.
Nela atopamos labrado na pedra o escudo completo do Mosteiro de Oia coa seguinte inscrición: “ESTA CAPILLA ES DE EL RL. MONASTERIO DE HOIA REEDIFICOSE AÑO 1736”. O máis probable é que se refira soamente ao presbiterio como tal, aínda que se fixeran algunhas remodelacións como pode ser a espadana, que probablemente sexa da mesma época. O escudo divídese en tres partes: no cuartel superior dereito aparece o báculo e a mitra. No superior esquerdo presenta nove letras “A” maiúsculas divididas de tres en tres. As teorías do seu significado son diversas: uns falan da referencia de agradecemento a nove reis co nome de Afonso e outros que é unha referencia a Alfonso IX. Na parte inferior ten unidos os outros dous cuarteis: dun lado está unha rama de figueira con figos, en referencia á figueira que tiña o Mosteiro e que deu froito fóra do seu tempo, e no outro lado un castelo, que representa a fortaleza de defensa dos fieis e da costa. E como é preceptivo remátase coa coroa real.

A historia da igrexa de Pedornes está intimamente ligada á do Mosteiro de Oia. No ano 1137 a igrexa foi doada por Alonso VII ao Mosteiro, e doce anos despois tamén foi doado todo o pobo. Douscentos anos despois, cando pertencía de novo ao Bispado de Tui, serviu como troco entre a Diocese e o Mosteiro, que a cambio dela entregou as de Estás, Forcadela e outras dúas en Portugal. Aínda que pertencía ao Mosteiro, esta igrexa servía como parroquial, xa que Oia non tivo consideración de parroquia ata o ano 1841, en que é constituída anexo de Pedornes polo Bispo Francisco García Casarrubios e Melgar, quen posteriormente, no mesmo ano, faina parroquia totalmente independente.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

A presenza dos monxes nótase tamén nos retablos e na imaxinería dos mesmos. Conserva cinco retablos que precisan dunha restauración para recuperar toda a súa beleza.
O retablo maior ocupa a ábsida. Presenta un zócalo moi alto e a mesa do altar no centro do mesmo. O zócalo nas rúas laterais ten pilastras de apoio para as columnas que forman a rúa, e entre elas un anxo portante (239) da peaña elevándose máis arriba das pilastras. As columnas das rúas laterais son lisas e de capitel composto. A caixa é plana e enmárcase cunha cenefa vexetal acodada que no centro ten unha tarxa. Están ocupadas por S. Bieito e S. Bernardo. Pola súa parte a rúa central, entre dúas columnas salomónicas co único adorno dunha cinta que percorre a súa curvatura, fórmase cun corpo ben diferenciado que vai dende o altar ata o ático a modo de baldaquino adiantado e apoiado en catro columnas. Elévase por riba das rúas laterais e quebra o entallamento.
Apoiado na mesa do altar está o sagrario, moi adornado, con pilastras e columniñas, e na porta un releve co Cristo Resucitado.
A fornela central dentro do templete ten unha peaña para acoller unha imaxe, pero no principio sería para o Expositor. Adórnase o frontal cunha cartela con cabeza de anxo e aos lados dúas pequenas peañas con adorador.
O ático na parte central ten unha caixa con cuberta adiantada para acoller unha imaxe do Patrón. Nos cuartos laterais hai dous anxos que portan espellos con adorno vexetal. O remate é o escudo abacial de Oia suxeito entre dous anxos.

Retablo do Carme
No muro norte próximo o arco triunfal. Presenta unha predela moi alta e na parte central da mesma unha caixa plana para a colocación dunha imaxe, que na actualidade ocupa S. Roque, ascendendo ata ocupar parte do espazo correspondente á fornela do corpo. Este ten unha soa rúa e dúas entrerrúas con pequenas peañas e adornos de grilandas de follas e froitas. A caixa é plana e adórnase cun arco rebaixado e un marco acodado. No centro do marco ten un adorno vexetal. Dous estípites sosteñen o entablamento. Remátase con adorno de follas e venera central. Nos extremos hai pináculos.

Retablo de Ánimas
No lado sur e próximo ao arco triunfal. É un retablo-marco. A predela adórnase con follas carnosas e cintas. Adianta as súas ménsulas para acoller as dúas columnas salomónicas de cinco voltas adornadas con acios e follas de vide. A fornela é plana e enmárcase con dúas pilastras que sosteñen un arco elíptico. Tanto as pilastras coma o arco están profusamente adornados de follaxe. As entrerrúas presentan unha grilandas feita de cintas, acios de figos e de uvas e flores. Ocúpase coa representación de cinco ánimas e por riba delas S. Miguel como un guerreiro enarborando a espada e na outra man a balanza. Sobre un rebanco, o ático ten outra fornela central, ocupada hoxe por S. Vicente Diácono, pero que debería ocupar un Calvario, entre outras cousas pola pintura que conserva representando a cidade de Xerusalén. Remátase en plinto triangular partido para acoller unha cruz.

Retablo de Sto. Antón
No lado norte. En moi mal estado e fáltanlle pezas. Non ten predela. Apóiase directamente sobre o altar. O corpo ten unha única rúa
cos seus estípites adiantados para dar profundidade á fornela que se remata cun arco trilobulado. Os estípites sosteñen dúas imaxes de nenos que centran a atención no Sto. Antón. Esta rúa central enmárcase con dúas entrerrúas con adornos vexetais e outros dous estípites extremos. Só conserva o entablamento da parte central onde se apoia a fornela do mesmo. Esta ten arco de medio punto e cobixa a S. Brais. Adórnase con dúas sereas coroadas que sosteñen o entablamento do remate, que tamén falta. Nas entrerrúas e sobre o altar ten dúas magníficas imaxes: S. Xosé e outro Sto. Antón.

Retablo da Virxe do Rosario
No lado sur, enfronte do anterior co que ten similitudes, pero máis profusamente adornado. Tampouco ten predela e apóiase directamente no altar. Unha única rúa cos estípites adiantados para dar profundidade á fornela central, tamén de arco trilobulado, pero no lóbulo central está a figura do Espírito Santo. Os catro estípites adórnanse con cabeza de anxo para separar o seu último terzo. Os extremos complétanse co capitel no que apoia un neto para o entablamento, e os dous centrais rematan en anxos completos. As entrerrúas, moi adornadas, tamén rematan en cabezas de anxo. Na fornela central, dous anxos sosteñen a coroa e outros separan os panos do dosel que cubriría a imaxe da Virxe colocada sobre un pedestal adornado cunha coroa de cabezas de anxos. Probablemente estivera dedicado á Asunción ou á Coroación da Virxe. No ático hai outra fornela fonda e profusamente adornada coa imaxe de San Sebastián. Remátase cunha cartela coa H e a Cruz enriba e adornada con follas.

Ademáis de todo isto destaca unha pintura mural cunha escena do bautismo de Xesucristo no río Xordán.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/OIA/documents/0856CA001.pdf
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/GALICIA/documents/PONPA004.pdf (Páxina 2)

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2024/05/18/poder-divulgador-pintura-religiosa/0003_202405V18C8991.htm


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.022396668725
Lonxitude: -8.8770845532417
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84