
Outra fotografía:
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: A Guarda / Baixo Miño (comarca)
Parroquia: Camposancos (Santa Isabel)
Lugar: Outeiro, O
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:
A igrexa é dunha soa nave con planta rectangular e ábsida cadrada. Ten adosada no seu lado norte a sancristía e un anexo de servizo para a mesma.
A fachada principal está enmarcada por dúas pilastras con basa que sosteñen sendos pináculos cónicos. A porta é moldurada e acodada. Enriba dela unha peaña co símbolo das dores da Virxe fai de base a unha pequena fornela onde se atopa a data de remate de igrexa.
Unha ampla fiestra rectangular moldurada, con derrame a ámbolos lados, dá luz ao coro e actualmente ten a vidreira da Visitación.
Remata o paramento en volutas estilizadas que nos achegan á espadana de dous corpos. No primeiro, dous ocos en arco de medio punto coas correspondentes campás, e o segundo, con cornixa de separación, sostén nos extremos tamén pináculos cónicos e no centro outro arco de medio punto máis pequeno para unha terceira campá. Remata en cruz pétrea.
Os paramentos exteriores da nave son de pedra, enfoscados e pintados de branco. Os da capela maior, máis estreita que a nave, mantéñense en pedra, aínda que foron preparados para estar tamén enfoscados e caleados. A cuberta da nave é a dúas augas e o presbiterio, a catro.
Accédese á igrexa por un pórtico de madeira acristalado. A nave adórnase con pilastras adosadas que serven de apoio para uns arcos
pétreos de medio punto que sosteñen a bóveda de rasilla e caleada. O piso é un entarimado de madeira. Conserva os dous púlpitos en pedra, adosados nas pilastras do arco triunfal, e adórnanse cunha venera labrada na mesma pilastra.
O retablo maior, ao igual que os dous que están na nave, é de finais do século XVIII. Presenta tres rúas, cada unha coa correspondente fornela, separadas por catro columnas lisas que sosteñen un potente entablamento. Na fornela central, por riba do sagrario, ten o expositor a modo de custodia. E nas laterais uns medallóns en releve dan paso ás peañas das fornelas coas imaxes do Sagrado Corazón de Xesús e de S. Xosé. Por riba do entablamento, unha fornela central acolle o grupo escultórico da Visitación, enmarcada nos extremos por xarróns ornamentais. E remátase cun frontis triangular. No mesmo paramento, xa que o retablo non ocupa toda a superficie, sobre peañas, as imaxes da Virxe de Fátima e a Milagrosa. Os outros dous retablos son dedicados á Inmaculada e ás Animas. No primeiro deles son de destacar os releves que enmarcan o Sagrario coas figuras de S. Pedro e S. Paulo. E no das Ánimas, a máis do releve das mesmas, o Crucificado, de moi boa feitura.
As obras da igrexa parroquial comezaron no ano 1816 no lugar que ocupaba a capela de Sto. Amaro, e no ano 1820, cando xa ían moi adiantadas, paralizáronse por diversos motivos, entre eles o económico. A cantería foi realizada por Francisco Valentín Fernández, veciño do Rosal, e axudáronlle 40 oficiais canteiros do mesmo Camposancos. No ano 1850 Xosé Rolán, carpinteiro, veciño de A Guarda, é contratado para a reparación de toda a carpintería da igrexa, así como o perito Rafael Portela, tamén de A Guarda, para as de cantería. Conseguida unha subvención estatal de 20.044 reais, reanudáronse os traballos no ano 1853 e remátase a obra o 27 de marzo de 1856.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/AGUARDA/documents/0799CA006.pdf
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 41.88531797985185Lonxitude: -8.863257765769958
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84


620.000 recursos do patrimonio cultural galego na túa man!





Últimos comentarios