Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Baixo Miño (comarca) / Tomiño
Parroquia: Goián (San Cristovo)
Lugar: Praza da Igrexa, S/N
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

A igrexa actual foi construída no ano 1746, segundo consta nunha das claves da bóveda do presbiterio. A primitiva estivo situada máis preto do río, onde residía o núcleo antigo da poboación.
Asume as características do estilo manuelino tardío, con tres naves. A súa fachada principal presenta un corpo central enmarcado por pilastras extremas, e dous corpos laterais, tamén apilastrados nos extremos. O do lado noroeste, sobre base cadrada, ten a torre das campás. É posible, pola cimentación e estrutura, que estivera proxectada outra torre xemelga no lado sudoeste.O eixo central da fachada ven enmarcado noutras dúas pilastras interiores que rematan como apoio dunha cornixa cóncavo-convexa coa cruz de remate centrada e nos extremos pináculos cónicos. Nel está a porta, moi sinxela, de arco rebaixado, cunha pequena moldura, que se adorna cunha cornixa a modo de viseira. Por riba dela unha fiestra moldurada, tamén de arco rebaixado, completa o conxunto desta rúa central. Con posterioridade, encima da ventá colocouse unha cruz de mármol, e outras dúas laterais, que xa se retiraron.
Apoiada nas pilastras extremas deste corpo central nace unha cornixa e unha moldura que vai ascendendo ata as pilastras interiores e con pináculos similares aos anteriores. O corpo do lado sudoeste, máis baixo, ten unha cornixa recta, con pináculo nos extremos anteriores. O do lado noroeste acolle a torre das campás. Está apilastrada nos catro lados. Tras unha moldura de división, unha balaustrada voada de pedra e con pináculos de bola acolle o campanario de catro ocos, que se rematan con outra balaustrada voada de pedra en curva e con pináculos cónicos nos extremos. Cérrase o campanario cunha frecha de cubrición de base cadrada, rematada en alcachofa na que se coloca unha cruz metálica sobre a esfera armilar.
A construción das naves e da torre é posterior á da nave central. De feito en 1860 entrégase unha cantidade a conta dos 19.931 reais nos que se axustara a nave e a torre ao mestre canteiro Manuel Joaquín Goios. E en 1866, Xosé Antón Araujo Ramallosa fai o enlousado das naves laterais e unha parte da central. A separación das naves faise cunha arquería potente de columnas cadradas ben traballadas de granito. Unha moldura corrida ao longo das naves sustenta as bóvedas caleadas, nas que destacan os arcos torais tamén en pedra e apoiados en fermosas
impostas adornadas con cabezas de anxos.
O arco triunfal dá paso ao presbiterio con bóveda pétrea a catro augas. Na súa clave destaca un escudo da casa de Cadaval, que era a que tiña o dereito de presentación.
A máis do retablo maior que cobre todo o paramento leste do presbiterio conserva outros seis retablos nas naves laterais. Son de destacar os tres barrocos, que forman un bo conxunto e, posiblemente, foron construídos por Manuel Pérez da Vila nos anos 1760-1770. Dos retablos do Rosario e das Ánimas hai documentación escrita nos libros das respectivas confrarías. Do retablo do Carme non hai noticias nos libros parroquiais, nin do autor nin da súa data de construción, pero, pola similitude que presenta con eles respecto ao esquema construtivo e as tipoloxías decorativas, non debería presentar ningunha dúbida da súa autoría.
O retablo do Carme e o do Rosario ocupan o paramento leste das naves laterais. O primeiro ten unha planta un pouco ochavada e co banco moi desenvolto no tramo central. Neste está un sagrario, por riba del unha cartela e rodéano adornos vexetais con flores. Catro netos, adornados con veneras os interiores e motivos vexetais os exteriores, soportan os estípites e as pilastras que formarán as rúas do corpo central. No centro dos paneis están as peañas moi traballadas, para as imaxes de S. Bieito e Sto. Antonio que ocupan as caixas planas das rúas laterais.
A rúa central ten o camarín da Virxe enmarcado con dous estípites. Nos extremos o retablo cérrase con pilastras. Por riba do entablamento, o ático ten unha fornela central moi pequena. Catro machóns compartimentan o espazo, facendo como unha continuidade do corpo do retablo. Rematando as rúas laterais, neses compartimentos, un espello. Cérrase todo cunha gran cartela vexetal no centro e, nos lados, tarxetas que adornan o arco. A composición do retablo do Rosario é a mesma: banco, con sagrario e netos, corpo de tres rúas separadas por estípites no interior e pilastras exteriores, gran fornela central e caixas planas nas rúas laterais, e ático cunha fornela fonda e arco moi decorado e remate vexetal. As dúas fornelas, a do corpo e a do ático, teñen o mesmo esquema compositivo.
O retablo de Ánimas está no muro da nave sur. Presenta unha composición especial e distinta. O primeiro que chama a atención é o seu frontal, en mal estado pero que conserva gran beleza. A parte central do banco crécese porque nela está a urna coa imaxe de Cristo morto e mesmo enriba a táboa das Ánimas. Isto obriga a elevar a fornela do corpo chegando co seu arco a ocupar parte do ático quebrando a cornixa de separación de ambos para delimitar o seu espazo. Este corpo principal ten catro pilastras e dous estípites. Nas pilastras máis interiores dous anxos en releve acompañan o planto da Virxe dolorosa. E no espazo ganado ao ático, outros dous anxos pintados levan símbolos da Paixón.
A parte central do ático está limitada por machóns de separación que acollen un marco en cruz para o Crucificado. Ata eles chegan os arcos que cerran o retablo moi decorados. Ten unha cartela de remate.
Os outros retablos son bastante posteriores. O de S. Xosé e o da Inmaculada son xemelgos.
Tamén no paramento da nave lateral está unha repisa cun Cristo morto, do século XVII, que foi restaurado en Tui no ano 1980.
Todos os retablos, menos o Maior e o de S. Xosé, están presididos pola Virxe nas súas distintas advocacións
As vidreiras que adornan os ocos das ventás foron encargadas á Unión Cristaleira de Vigo.


Fotogrametría:

Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

No Museo Diocesano de Tui ten depositada esta parroquia, entre outras cousas, a Cruz parroquial gótica, do século XV, en bronce, e tamén un Cristo de marfil do século XVII.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

ENLACE WEB
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/TOMINO/documents/0972CA001.pdf

BIBLIOGRAFÍA
VILA, Suso. ANTIGUAS FIESTAS. ROMERIAS Y PROCESIONES DEL BAJO MIÑO. A Guarda. 2003


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 41.9468753911
Lonxitude: -8.77286195755
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84