
Outra fotografía:
Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Parada de Sil
Parroquia: Parada do Sil (Santa Cristina)
Lugar: Rodal
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:
Do mosteiro beneditino de Santa Cristina de Ribas do Sil temos a primeira noticia no século IX, aínda que é anterior a esa data. Presenta unha nave única con cruceiro destacado e tres ábsidas semicirculares no testeiro. Da primitiva construción, disposta en torno ao pequeno claustro do século XVI con arcos de medio punto sobre columnas de fustes prismáticos con esquinas achafranadas, só se conservan dúas ás, foi substituído por unha nave máis estreita no primeiro terzo do século XIII, o que xustifica o cambio de estilo cara ao gótico.
A igrexa é románica do s. XII con elementos góticos do s. XIII. Ten planta de cruz latina, con nave de cinco tramos e cruceiro. A cabeceira ten unha ábsida, prolongación da nave, e dúas absidiolas. A torre tamén é románica, ameada con troneiras de arcos semicirculares, conforma un elemento arquitectónico de singular interese, e resulta absolutamente excepcional nas construcións do protogótico galego pola súa situación integrada na cuberta norte do claustro. Da antiga pervive a primitiva portada románica que hoxe serve de entrada ao claustro.
No exterior é de destacar o rosetón con trazado románico da iglexa.
No interior consérvanse pinturas, un altar maior con motivos xeométricos, retábulos barrocos que evidencian a prosperidade do templo no século XVIII e unha imaxe manierista do apóstolo San Pedro, obra de Xoán de Ánges, de finais do XVI, século en que foi anexionado a San Estevo de Ribas de Sil.
No claustro pódense ver os armarium claustri, uns pequenos espazos onde se deixaban os libros lidos polos monxes durante os seus paseos.
Despois da desamortización, foi utilizado como vivenda, cortes e palleiro.
Encravado nunha espectacular e grandiosa paraxe á beira do río Sil, no castañal de Merilán, por debaixo do monte Varona, constitúe un dos grandes encantos monumentais e espirituais da Ribeira Sacra, de máximo interese dende o punto de vista artístico e arquitectónico.
As orixes da comunidade monástica de Santa Cristina son imprecisas. Como noutros centros monásticos fundados ao abeiro das encaixadas ribeiras do curso final do río Sil, salpicadas de restos de antigos asentamentos relixiosos de carácter ascético, posiblemente foi considerado inicialmente como un centro eremítico, transformándose posteriormente nun cenobio.
Aínda que non perviva ningún vestixio arquitectónico ou epigráfico do edificio orixinal, a non ser algunha pedra reutilizada, quedan testemuños certos da presenza do mosteiro en época prerrománica, datando as primeiras mencións documentais de finais do século IX.
O couto xurisdicional do Mosteiro de Santa Cristina, chegaba ata a cume de Cabeza de Meda, chegando ata o Marco Vello, e con dominio sobre un amplo tramo do río Sil.
As características propias do espazo xeográfico do dominio condicionaron as bases económicas e os fundamentos da vida material do mosteiro; a altitude e o escarpado de moitos dos seus terreos, non aptos para un óptimo desenvolvemento da agricultura, serían compensados coa explotación de espazos incultos dedicados a produtos distintos, como a vide ou os castiñeiros (que aínda hoxe configuran a incomparable paisaxe do ámbito monástico) así como co aproveitamento dos ricos
recursos fluviais.
A mención na documentación medieval da existencia de numerosas granxas e centros de recolección das colleitas, onde se recibían todas as rendas e décimos, evidencian a bonanza económica do mosteiro, que se inicia no século XII coas cartas de aforamento de cesión de terras e propiedades ao campesiñado a cambio do pagamento de rendas, ao tempo que o mosteiro recibe a concesión de importantes privilexios reais e a protección papal.
Co transcurso da Historia, e despois de séculos de decadencia, en 1508 o mosteiro de Santa Cristina pasa a depender, en calidade de priorado, do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, circunstancia determinante do seu declive, que será definitivo no século XIX coa desamortización e o seu paso ás mans de particulares que o destinan a granxa de labor. A fábrica monástica de Santa Cristina de Ribas de Sil está formada polo templo románico e unha serie de dependencias distribuídas en dous corredores cubertos.
A igrexa do mosteiro, representativa da evolución dás tendencias e cambios estilísticos que se dan cita nos últimos anos do século XII e principios do século XIII, constitúe un magnífico expoñente do esplendor arquitectónico do románico galego e da importancia do labor escultórico dos mestres medievais que traballaron na súa fábrica.
En canto ás dependencias monasteriais de Santa Cristina de Ribas de Sil, estas conforman coa igrexa a típica disposición beneditina en ángulo recto, pervivindo a primitiva portada románica que hoxe serve de entrada ao claustro. Os espazos medievais do mosteiro constituídos por un claustro que comunicaba as distintas estanzas comúns, desapareceron en época moderna, como parte da reforma do edificio emprendida no século XVI, tras a súa incorporación a Santo Estevo, foron substituídos por dous funcionais corredores cubertos e dispostos en ángulos sen pechar.
Na dependencia anexa á igrexa, habilitada para sancristía, consérvanse pinturas murais do século XVIII, coa representación do escudo de Santo Estevo, que se suman ás do interior da igrexa, de notorio sabor popular. O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas do Sil, preserva unha gran importancia monumental, que determinou a decisión de outorgarlle a categoría de ben de interese cultural, por tratarse dun dos inmobles máis destacados do patrimonio cultural de Galicia, o 1 de Outubro de 2008.
Información: paradadesil.es e onosopatrimonio.blogspot.com.es
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Enlaces Web:
http://www.paradadesil.es/mosteiro.html
http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/mosteiros-de-galiza.html
http://antonrodicio.blogspot.com.es/2011/03/paisajes-del-alma-santa-cristina-de.html
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.39587369615727Lonxitude: -7.5883126258850
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84







(2 votos)
620.000 recursos do patrimonio cultural galego na túa man!





3 comentarios
Oscar Franco says:
Mar 6, 2018
A Xunta de Galicia saca a licitación pública para mellorar a accesibilidade, ademais de diversas actuacións de reparación e consolidación deste ben declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO:
http://historiadegalicia.gal/2018/03/santa-cristina-de-ribas-de-sil-dos-grandes-mosteiros-romanicos-de-galicia-volve-renacer/
Gavilanes67 says:
Mar 16, 2018
http://www.paradadesil.es/files/PSil_StaCristina_folletoDidactico_GA.pdf
Oscar Franco says:
Nov 8, 2022
A prensa dixital do 8 de novembro de 2022 fai referencia aos novos achádegos atopados neste mosteiro despois da intervención arqueolóxica levada a cabo fai poucas semanas:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/parada-de-sil/2022/11/07/hallan-restos-sobre-origen-monasterio-santa-cristina-parada-sil/00031667840985963689988.htm#:~:text=08%20nov%202022%20.,y%20de%20la%20necr%C3%B3polis%20altomedieval.