Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Gondomar
Parroquia: Peitieiros (San Miguel)
Lugar: A Peroleira
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

A orixe da Igrexa de San Miguel de Peitieiros é de orixe románica, datada no século XII. Foi reconstruída no século XVIII usando elementos orixinais do primitivo templo, probablemente do século XII. No século XX sufriu moitos danos na nave e na espadana a causa dun temporal.
Presenta planta de cruz latina, á que se lle acaroaron pola fachada norte dous corpos: un xunto ao cruceiro, para facer a sancristía, e outro aos pés da nave, para a torre do campanario. A portada está formada cos restos da antiga igrexa románica. Ten arco semicircular con tres arquivoltas. As exteriores apoian en dous pares de columnas. A interior sobre xambas. A arquivolta exterior adórnase con chambrona de billetes. A do medio ten estrelas de seis puntas e cordón. A terceira é baquetonada sobre o tímpano.
Este, de pedra granítica distinta, amosa unha representación do Calvario, co Cristo Crucificado no centro, e, aos lados, a Virxe e San Xoán. As columnas son de fuste monolítico. Os seus basais presentan o plinto decorado con casetóns rectangulares. Os capiteis exteriores son de ornamentación vexetal. Os interiores, figurados con cabezas de home. Ábacos curvos e sen decoración. As ménsulas das xambas decóranse cara ao exterior con cruces e, cara á porta, con rostros humanos. Os dados nos que se apoian as columnas teñen a mesma altura que o zócalo perimetral. No centro da portada, enriba da porta, hai un rosetón de boa factura. O remate é con capeado e no centro un carneiro coa cruz no seu lombo. De factura recente. No caso de ser orixinal esta figura probablemente estaría como antefixa do muro leste na primitiva igrexa románica. A torre, de planta cadrada, divídese en dous tramos. Remata en torre de ocos semicirculares para catro caras, con balaustrada granítica en cada un deles. Cerra en ameado e cuberta de pedra troncopiramidal de oito caras, rematada en bulbo e cruz. Esta cruz sería orixinariamente o remate do pincho da fachada oeste. Os muros laterais e posterior flanquéanse con pilastras e teñen recercado. Rematan en pináculos. As fiestras son rectangulares e abucinadas para o interior e o exterior. A nave ten bóveda de canón con arcos formeiros de capitel liso e divídese en tres corpos. Está encalada. Tamén son de canón as bóvedas do cruceiro e sancristía. A bóveda da ábsida é de aresta sobre catro pilastras con capitel liso. Na actualidade conserva tres retablos. O maior, que ocupa o centro do paramento da ábsida. Pode que soamente sexa a rúa central dun retablo máis amplo. No centro do banco ten o Sagrario coa porta decorada cunha custodia. A continuación, unha gran fornela de arco de medio punto, acolle a figura do Patrón sobre unha escalinata. Para darlle máis resalte adiántase sobre dúas columnas que apoian os seus pedestais na mesa do altar. Neles, en relevo, represéntase a S. Pedro e S. Paulo. A columna divídese por medio de anel. A parte inferior, aproximadamente un terzo da columna, adórnase cun relevo xeométrico; o resto, con estrías. No segundo corpo, outra fornela máis pequena, con outro San Miguel, e dúas columnas adiantadas, estas sen división e estriadas, para soster o entablamento de remate, con florón e representación do Espírito Santo. Ten pináculos aos extremos. Non é a única duplicidade existente a das dúas imaxes de San Miguel, senón que o Sagrario tamén ten sobre si outro sagrario. En cada un dos brazos do cruceiro hai o seu retablo: o do Rosario e o do Carme. Este é o mellor de todos, aínda que a súa restauración non sexa a máis adecuada.


Fotogrametría:

Propiedade: PúblicaPrivada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

O interior da igrexa alberga unha cruz procesional restaurada en 1742segundo reza unhga inscrición que figura na súa parte interior.


Tradición oral:

“A tradición oral recollida na parroquia di que algúns restos da igrexa proveñen da ermida de Santa María do
Crasto, que en tempos parece existiu no Curuto (http://patrimoniogalego.net/index.php/49428/2013/09/monte-do-castro-3/).
Outras fontes asignan esa mesma procedencia á peza que cobre o tímpano da actual portada, unha representación do
Calvario con Cristo crucificado no centro e a Virxe e San Xoán nos extremos”.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

ENLACES WEB
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/GONDOMAR/documents/0788CA005.pdf (p. 8)
http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?cod_rec=4593&ctre=31

BIBLIOGRAFÍA
SOLIÑO TRONCOSO, Antonio (2018). Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Ed: IEM – Instituto de Estudos Miñoráns
SOLIÑO TRONCOSO, Manuel, MOSQUERA VELEIRO, José Luis, SOLIÑO TRONCOSO, Alfonso e SOLIÑO TRONCOSO, Antonio (1995). Gondomar. Historia, Arte y Territorio. Ed: Ir Indo


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.099177695232
Lonxitude: -8.7368962168694
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84