Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Avión
Parroquia: Avión (San Xusto e Pastor)
Lugar: Avión
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Situada na capital do concello, a igrexa dos Santos Xusto e Pastor foi iniciada aproximadamente en 1600, rematándose en 1742, en estilo predominantemente barroco. Feita en sillería isódoma, amosa planta rectangular con contrafortes. O que máis destaca e a fachada e a torre.

Presenta unha singular fachada-retablo barroco realizada por canteiros da Terra de Montes, que está flanqueada por pilastras arquitrabadas con esvelto chafrán. Ten ademais outras dúas portadas fortemente moldeadas con fornela superior, nas que están as esculturas de San Antón co Neno e a Virxe tamén co Neno. A cabeceira, moi anterior a 1742, ten bóveda de nervos de estilo gótico serodio con claves historiadas policromadas. Na central figuran os Santos Xusto e Pastor, patróns da parroquia, con caretas alusivas aos principios centrais da fe. A similitude estilística da torre, con carátulas angulares na balaustra inferior, con outras como as de Carballeda e Beiro, fanos adiantar a hipóteses dunha mesma cabeza rectora, que non puido ser outra que o conde de Ribadavia. Esta igrexa amosa columnas salomónicas nos ángulos, soporte tectónico infrecuente nos exteriores barrocos galegos , sendo un dos exemplos máis importantes do Barroco.

A fachada da igrexa e certamente de gran calidade e recorda, en pequeno, a outras obras de maior fuste repartidas pola xeografía galega. Posto que a fachada adoitaba ser o último que se construía nas igrexas, cabe esperar que se trate do elemento máis moderno do edificio, o que levaría a súa datación a xa ben entrado o século XVIII.

Disposta a maneira de retablo, conta con dúas fornelas colocadas sobre a porta -un Calvario situado baixo a torre e unha Dolorosa entre este e o lintel- e outros seis falsos nichos refundidos distribuídos simetricamente en dúas columnas a ambos lados da porta, os cales aloxan relevos en pedra de diferentes santos.

Os relevos correspondentes aos titulares do templo son os situados nos dous nichos inferiores, a esquerda e dereita da porta. Trátase duns baixorrelevos de pouca profundidade, e bastante afectados pola erosión, que representan aos mártires cuns traxes talares que teñen bastante máis de hábitos estudantís da época século XVIII que de indumentaria romana. Asimesmo as longas e rizadas cabeleiras son as típicas do arte barroco serodio.
O deterioro das figuras impide apreciar con precisión o que portan nas mans, aínda que cabe supoñer que foran a palma do martirio nunha e quizais un libro de canto (outro anacronismo) na outra, pero non se identifican ben.

O interior da igrexa é claramente máis antigo que a portada, estando o presbiterio cuberto por unha bóveda de cruzaría. Na clave central existe un medallón policromado que reproduce uns bustos moi similares aos da portada e con toda probabilidade contemporáneos seus, os cales sosteñen nas maos sendas palmas de martirio xunto cunhas cartelas nas que se reproduce o inicio dos dous primeiros versículos do Credo, en substitución das tradicionais táboas escolares.

O retablo barroco, ou xa decididamente rococó, conta cunha fornela central, situada sobre o sagrario, na que están colocadas as imaxes dos santos Xusto e Pastor. Estas están vestidas “á federica” con amplas e coloradas casacas, chalecos, calzóns e medias, o que nos permite aventurar que quizá sexan algo máis modernas que os relevos da fachada, poida que da segunda metade do século XVIII. Ambas portan as palmas e de novo, tal como ocorre co medallón da bóveda, as táboas escolares co abecedario foron substituídas nesta ocasión por o inicio do Credo e o do primeiro Mandamento, respectivamente.

Celébranse do 7 ao 9 de agosto as festas na honra de san Xusto, san Pastor e san Roque, un curioso engadido.

(Fotos: Francisco Vazquez)


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.jccanalda.es/jccanalda_doc/jccanalda_alcala/artic-alcala/artic-ssnn/avion.htm

http://www.concelloavion.org/htm/es/tur_02.htm

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/GALICIA/documents/OURPA002.pdf (P.3)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.37530630643889
Lonxitude: -8.25071096420288
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84