Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Condado (comarca) / Salvaterra de Miño
Parroquia: Cabreira (San Miguel)
Lugar: San Roque, O
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

Esta igrexa foi edificada no ano 1710, segundo a inscrición que hai baixo o escudo de armas dos Salgado, no parámetro leste, xa que eran patróns da presentación deste Beneficio nese momento. Posteriormente, nos séculos XIX e XX, foi reformada
A igrexa ten forma de cruz latina, cunha soa nave, na que se abriron dúas capelas laterais, máis baixas, antes de chegar ao arco triunfal. Os tramos da nave divídense polas columnas de apoio dos arcos apuntados. A cada lado das columnas, unha ménsula de apoio entre a columna e o parámetro sustenta os nervios formando unha sinxela arqueira onde apoia o tixolo. No último tramo, un arco formeiro de medio punto a cada lado, coas arestas rebaixadas, abre as capelas laterais que forman a cruz. No lado norte está a da Inmaculada que ten os parámetros e a bóveda totalmente revocados.
A capela do Carme, ao sur, conserva a bóveda de crucería de catro potentes nervios, co apoio en ménsulas e coa clave central adornada cunha flor aberta. O arco triunfal é tamén apuntado, seguindo a tónica dos da nave, pero adórnase, ao igual que as súas columnas, con labra de dobre bocel nas arestas. O remate da columna continúa a modo de cornixa ata a ménsula que da orixe á arqueira do tramo último da nave. Sobre a repisa das columnas do arco triunfa, cara ao interior, ten cada unha seu neno sustentando unha lámpada. Son tallas barrocas. Antigamente estas representacións servían para manter colgadas unhas pequenas bandexas onde se colocaba a vela que sinalaba a presenza do Santísimo reservado no Sagrario.
A arqueira da capela maior é tamén de catro nervios, pero non apoia en ménsulas, senón directamente no ángulo dos parámetros.
O tellado é a dúas augas, excepto na capela maior, que se presenta un pouco máis alto a catro augas, con pináculos de bola nos extremos e cruz de remate.
A fachada oeste preséntase dividida en tres corpos nos laterais por medio de molduras, con pilastras extremas sobre basas potentes e tamén molduradas. No centro, e sen divisións interiores, con basa similares, adiántase a torre flanqueada de outras dúas pilastras que ascenden ata a base do campanario, e enmarcan a porta principal, que é moldurada e de arco semicircular. A cada lado, entre as pilastras, neste corpo inferior hai dúas fiestras a modo de seteiras alongadas e con molduras.
As pilastras laterais rematan en pináculos cónicos apuntados, e da súa base parte unha pequena cornixa que ascende ata a torre.
No centro da torre nesta fachada hai unha ventá en forma de cruz dos evanxelistas con moldura exterior que prolonga os nervios ata o centro da mesma.
O campanario de forma cuadrangular abre, sobre unha cornixa voada, os catro ocos das campás en arcos de medio punto abocelados e con adorno superior. Cérrase con outra cornixa na que se apoia un tambor octogonal como base da cúpula rematada con catavento e pararraios metálicos. Xunto ao tambor hai catro pináculos cónicos e de bola.
A capela do Carme, no lado sur da igrexa, presenta pilastras angulares a modo de apoio da cornixa do tellado a dúas augas. E sobre elas elévase outro apoio para a cornixa de remate do fronte, moi ben traballada, resaltando o quebro do centro, onde se remata cunha pequena columna que sostén a imaxe pétrea desta advocación. Nos extremos hai pináculos cónicos con remate flamíxero. No do oeste apóiase o reloxo de sol. No centro do parámetro atopamos o escudo do Carme, nun relevo de moi boa labra e con dous anxos sostendo a coroa que o remata.


Fotogrametría:

Propiedade: PúblicaPrivada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:

Conserva catro retablos:

*O retablo maior adicado a San Miguel preséntase moi plano ocupando todo o testeiro da capela maior, pero ten unha grande simetría. Datado no primeiro cuarto do século XVIII. Presenta tres rúas pechadas por pilastras no interior e por columnas salomónicas no exterior. Cérrase con dous amplos gardapós ata a parede lateral. O banco pártese para dar sitio á fornela central, na que se centra o sagrario. As fornelas son planas. As laterais rematan en arcos trilobulados e orelleiras con acios de froitas. A central remátase en plano co marco quebrado. As pilastras que a enmarcan adórnanse con venera inferior e parella de nenos enlazados por vexetación en cada unha delas. os gardapós conteñen na parte central relevos en forma de medallón cos evanxelistas, dous a cada lado, e rematan, tanto na parte inferior coma na superior, con floróns. A fornela central ocúpaa o Crucificado, e as laterais San Xosé e unha imaxe da Virxe que non pertence a este conxunto. No ático, preside o patrón, San Miguel, e nos laterais San Sebastián e Santa Lucía.

*Retablo da Capela do Carme: presenta unha grande sinxeleza. Está sobre un pequeno sotobanco apoiado directamente no altar de pedra. Catro columnas lisas con capitel corintio distribúen as tres rúas que o forman. As extremas apoian en ménsulas acodadas na parede directamente, e as interiores, que cerran a rúa central, sobre o sotobanco. As rúas son planas e están ocupadas por San Bieito e San Elesbán. Remátanse cun entaboamento amplo no que se apoia o ático semicircular. O sagrario serve de apoio á imaxe da Virxe. Ten a porta decorada co Año portando a Cruz sobre o libro e rodeado de raios. Por riba da imaxe, un dosel co escudo do Carme sostido por dous anxos

*Retablo da Virxe das Angustias e Ánimas: está situado no parámetro leste, sen altar. Sobre un amplo banco con adornos xeométricos e vexetais, dúas columnas salomónicas apoian un pequeno entaboamento partido. No centro unha fornela con pilastras estriadas e dobre arco trilobulado para acoller a imaxe da Virxe con Cristo morto no seu colo. Entre as bases das pilastras sitúase a táboa de Ánimas en relevo. O retablo remata en arco de medio punto, adornado con cabezas de anxos nos laterais, e no centro, como remate, un anxo sostén unha cartela coa lenda “POSUIT ME DESOLATAM” e o martelo e as tenazas.

*Retablo na Capela da Inmaculada: presenta tres rúas separadas por pilastras estriadas que apoian directamente sobre o banco. As rúas laterais preséntanse totalmente planas cunha peaña adornada coa cabeza dun anxo. Están ocupadas por Santa Rita e Santo Antonio de Padua.


Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/SALVATERRADEMINO/documents/0922CA004.pdf (Páxina 1)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.09352936934317
Lonxitude: -8.544356524944305
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84