Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Baixo Miño (comarca) / Tomiño
Parroquia: Vilameán (San Bieito)
Lugar: Vilameán
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

A planta da nave é rectangular e a da capela maior cadrada. A fachada principal preséntase apilastrada nas esquinas. A porta adórnase cunha moldura e basas similares as das pilastras. Unha cornixa fai a separación da base da fornela central e adórnase nos extremos con releves de pináculos de bola. A fornela central ábrese no seu fondo dando lugar ao ventanal que dá luz á tribuna. Remátase con cuncha de vieira e acolle unha imaxe de S. Bieito en pedra, de factura recente, colocada no ano 2006. Das pilastras extremas, rematadas en pináculos, nace unha cornixa que ascende ata a base da espadana de dous ocos, con outra cornixa que sostén outro pequeno oco superior, entre pináculos, que fai de base á cruz de remate. A nave susténtase con catro contrafortes por cada lado e presenta un tellado a dúas augas sobre bóveda de ladrillo.
A capela maior presenta un tellado a catro augas con pináculos esquinais e cruz de remate central. Os seus paramentos son de maior altura que os da nave. A súa bóveda é de pedra e contrarresta as súas forzas con outros dous contrafortes nas esquinas do lado leste. Ao norte está adosada a sancristía.
O interior presenta a nave coas paredes en pedra ata o nacemento da bóveda de ladrillo que está pintada intentando semellar pedra. Divídese en catro tramos correspondentes aos arcos de medio punto que apoian nos contrafortes exteriores. O presbiterio ten bóveda de pedra con catro nervios apoiados en ménsulas laterais. Na crave central aparece a data do seu remate: “AÑO DE 1776”.
O 14 de maio de 1796 era o encargado da parroquia don Miguel Ángulo. Contrata a construción do retablo maior, que cubrirá todo o paramento da capela maior, con Bernardo Ferreira pola cantidade de 3.100 reais de vellón a pagar segundo se vaia facendo a obra. Este retablo perdeuse, o mesmo que os outros dous retablos laterais, dos que queda unicamente o altar de pedra adosado á parede lateral, entre o último arco e o testeiro da nave. Un estaba dedicado á Inmaculada e o outro ás Animas.
Na actualidade a imaxinería colócase en peañas de pedra. Conserva algunha das imaxes primitivas que tivo a igrexa o mesmo que unha de San Tomé pertencente á capela do mesmo nome, que durante moito tempo non se sabía onde estaba pero recentemente foi descuberta (http://patrimoniogalego.net/index.php/78155/2015/09/capela-de-san-tome/)
Esta parroquia foi erixida por desmembración de S. Salvador de Tebra en 1794. A obra da igrexa contrátase o 11 de marzo do ano 1792. A capela maior non se acabará ata 1796.
O mestre canteiro a quen foi contratada é Xoán Francisco de Novas Gayoso, natural de Pazos de Reis, que xa tiña construído e traballado noutras igrexas da Diocese: Currás, Celeiros, Quintela; e seguía o modelo da construída en Amorín por Manuel Sarrapio. O remate final da obra ten lugar o 2 de decembro de 1798, e faino Domingo Antonio Novas y Lemos, xa que o anterior faleceu sen poder acabala.


Fotogrametría:

Propiedade: PúblicaPrivada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/TOMINO/documents/0972CA001.pdf (Páxina 8)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.0251164659
Lonxitude: -8.74067544937
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84