Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Baixo Miño (comarca) / Tomiño
Parroquia: Currás (San Martiño)
Lugar: Cruceiro, O
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:

A igrexa non ten un estilo definido. A súa data de construción é probablemente ao redor do ano 1500, pero sufriu moitas reformas, as últimas na década dos oitenta do século pasado, que a deixaron no estado en que hoxe a podemos contemplar.
Ten nave rectangular, cun arco de medio punto sobre columnas adosadas e con capitel que separa o presbiterio, que é un corpo cadrado e de máis altura que a nave, construído polo ano 1782 polo mestre canteiro Xoán Francisco de Novas Alonso, natural de Pazos de Reis. Nese ano cobra do Cabido Catedralicio de Tui o primeiro terzo da obra, por un importe de 483 reais e 11 marabedís.
O tellado da nave é a dúas augas e o do presbiterio, a catro.
Ao presbiterio engadíuselle, polo lado sur, un corpo máis baixo para que servise de sancristía.
Na última reforma púxoselle unha bóveda curva colgada na nave, cubrindo a antiga de madeira a dúas vertentes.
A fachada occidental está enmarcada por dúas pilastras laterais, que sosteñen pináculos, e unha cornixa convexa ata a base da espadana, onde é recta. No seu eixe, enriba da porta moi sinxela, hai unha placa conmemorativa na honra de D. Xesús Gomez Sobrino, que atendeu esta parroquia e, máis arriba, unha fiestra a modo de fornela, con porta de madeira e cristal.
A espadana ten unha base moi voada e dous ocos de medio punto adornados con pilastras laterais no eixe de separación. Remátase con outra cornixa voada e, sobre ela, outro corpo de un só oco máis sinxelo e pináculos nos extremos. Por riba a cruz de remate A capela maior cobre todo o seu paramento cun retablo de comezos do século XIX, realizado polo mestre carpinteiro Xosé de Acuña, que axusta esta obra o 27 de outubro do ano 1812 na cantidade de 1500 reais. Consta de tres rúas. A predela acolle o sagrario e as bases das columnas que separan as rúas. Por riba dela, na rúa central unha gran fornela bastante fonda, con remate moldurado, que acolle unha pirámide escalonada na que se atopa a imaxe do patrón, S. Martiño, e aos seus lados, sobre peañas sinxelas, están as imaxes de S. Roque e Sto. Antonio. Dúas columnas douradas, con capitel corintio, marcan a separación das rúas laterais, que acollen sobre peañas más potentes o Sagrado Corazón de Xesús e a Virxe do Rosario.
O entablamento central adórnase con xarróns por riba das columnas, e no centro un medallón representa a S. Martiño partindo a súa capa, entre adornos florais. Na parede de cerre do arco triunfal, sobre peañas, as imaxes da Virxe co Neno e S. Xosé na outra.

Foi no seu tempo parroquia independente, coñecéndose pola denominación de S. Martiño da Gándara. E esta denominación aparece xa en documentos do ano 1431.
Os seus primeiros libros parroquiais dátanse no ano 1652, pero xa funcionaba como parroquia no século XV. Posteriormente foi anexo de S. Salvador de Tebra e na actualidade é anexo de S. Xoán de Amorín, da que xa o fora no ano 1904.


Fotogrametría:

Propiedade: PúblicaPrivada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/TOMINO/documents/0972CA001.pdf (Páxina 2)


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 42.0093440086
Lonxitude: -8.67730021477
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84