Outra fotografía:
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Salceda de Caselas
Parroquia: Santa María de Salceda (Santa María)
Lugar: Barral, O
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:
A igrexa parroquial de Santa María de Salceda presenta a fachada occidental apilastrada no lado sur, mentres no norte apóiase directamente contra a torre. No centro a porta principal, moldurada e acobadada nas esquinas. Sobre ela, unha cornixa escalonada con moldura a modo de apoios dobres fai de base á fornela central, con pilastras laterais que apoian o arco de medio punto, con venera no seu interior e rematado nunha cruz de arestas rebaixadas e extremos cadrados. Na fornela hai unha imaxe da Virxe en actitude orante, que é recente. Aos lados da fornela, dúas espirais sosteñen semipináculos. A parte superior da cruz rompe a moldura que adorna o óculo central, de derrame externo. Por riba del apréciase a altura primitiva da fachada e a caída que tiña, polo cambio de pedra e a peor factura da mesma. Este espazo ocúpao enriba do óculo unha cruz de Trindade en mármore. Remata nunha moldura baixo a cornixa voada. No extremo sur ten un pináculo piramidal de bola e no centro unha cruz de pedra. A torre é de base cadrada e ten dous corpos. Está apilastrada nos catro esquinais. O primeiro corpo ten no lado oeste dúas pequenas fiestras de derrame externo, e no lado leste a escaleira de acceso ao interior. O segundo corpo é o campanario. Sepárase do anterior por cornixa e a súa base é menor. Tamén se apilastra nos esquinais e abre ocos con arco de medio punto en cada cara, que se cerran na parte inferior con varanda de pedra. Remátase noutra cornixa con pináculos de bola nos extremos. Cerra o conxunto un gran tambor cilíndrico e sobre el a cúpula ovoide rematada en cruz e con pararraios. A comezos do século XX o campanario foi destruído por un raio e construíron outro de ladrillo e cemento. No ano 1996 desfíxose este e construíuse o actual.
A planta é de cruz latina, cunha nave rectangular e dúas capelas laterais para formar o
cruceiro na unión co presbiterio. Polo lado norte engadíuselle a sancristía, e no lado sur uns servizos exteriores. Nos paramentos laterais hai cornixa para apoio do tellado, que é a dúas augas, ao igual que nas capelas laterais, que presentan apilastrados laterais e cornixa voada con pináculos nos extremos e cruz central. Son máis baixas que a nave. As dúas capelas perderon unha das súas ventás, de derrame a ámbolos lados. A do lado norte perdeuna pola unión coa sancristía, e a do sur polos servizos.
A capela maior ten base cadrada con pilastras nas esquinas e pináculos cónicos con bola en cada unha delas. O tellado é a catro augas e ten unha ventá de dobre derrame no lado sur.
No paramento norte da nave, case na unión coa capela, hai unha pequena porta. A xente aínda lle chama a “porta da Raíña”, en recordo da fundadora do mosteiro.
No interior, conserva o piso de pedra onde se facían os enterramentos. As paredes teñen a pedra á vista, cando foron feitas para recibir un morteiro deixando só vistas
as partes máis nobres, como a canteira dos arcos e o recercado das ventás, e presentan
un encintado pouco afortunado. De todas maneiras iso permítenos apreciar a elevación
da nave central por riba do arco triunfal. As capelas laterais ábrense con arcos formeiros con moldura, sobre pilastras. A bóveda da nave e das capelas é de tableado de madeira, formando un arco na nave e cuarteiróns nas capelas. O arco triunfal preséntase sobre pilastras e é de medio punto. Tanto as pilastras como o arco teñen as arestas rebaixadas.
Accédese ao presbiterio mediante un chanzo que separa da nave. Na metade hai outros dous para acceder ao altar e retablo. Na primeira parte, polo lado norte, está a porta de acceso a sancristía. É unha porta alintelada con moldura exterior. No lado sur, á altura do altar, hai unha ventá de dobre derrame. A bóveda ten moi boa cantería e forma crucería de catro nervos que apoian en peañas nos ángulos dos paramentos. A clave ten como adorno o capelo dun cóengo. Tamén conserva bóveda de crucería na sancristía. Na súa clave hai unha flor de seis pétalos.
O retablo maior céntrase no paramento leste do presbiterio, non ocupándoo en toda a súa anchura. Levántase sobre un sotobanco quebrado, con pilastras laterais e catro na parte central, as máis exteriores decóranse con marmoreados en tonos verdes e as interiores en ocres. As dividen o frontal en tres partes, máis ampla a central, con fondo plano en verde e debuxo floral en dourados.
A predela segue na mesma forma, das pilastras extremas con marmoreados en verde, sobre fondo en marmoreados ocres, e das pilastras centrais en tonos planos azuis con adorno a modo de capitel dourado, que apoian o corpo central adiantado onde se coloca o Sagrario. Este é de moi boa factura, enmarcado en rocallas e pola parte superior unha a modo de venera en ángulo ascendente. A porta ten un relevo no que se representa sobre unha nube o Año de Deus tombado sobre o libro e a Cruz cos raios da gloria.
Dúas columnas corintias cerran o exterior ás rúas laterais. O fuste ten un marmoreado
moi claro para destacar sobre o do fondo. Os capiteis e a base son dourados. As fornelas teñen fondos azuis e nacen directamente da cornixa da predela. Teñen moldura dourada
ao igual que o arco que as remata cun pequeno adorno en crestería e con espello central.
Por riba delas, sobre o fondo, unha pintura dourada de motivos vexetais serve para ocupar
o espazo ata a cornixa que separa do ático.
As fornelas laterais teñen peañas semicirculares adornadas con rocallas e están ocupadas por dous apóstolos en fermosas imaxes: Santiago Peregrino na dereita, e Felipe na esquerda. A fornela central apóiase no corpo adiantado que contiña o Sagrario e ascendía
desde o altar partindo a predela. Dúas columnas, sensiblemente máis pequenas pero
similares ás extremas na forma, sustentan o arco que a cerra. Máis fonda e ampla que as
laterais, ascende sobre elas. Ocúpase coa imaxe da Patroa, a Virxe da Asunción. Sobre o arco, en cada extremo, un anxo e no centro a base onde se finca a Cruz da fornela do ático. Adórnase cunha gran rocalla dourada que a circunda. Sobre o fondo verde fórmase
un marco con debuxos gravados sobre o fondo, curvos, terminados en espirais, e con
follas en dourado, co interior pintado en granate, para mostrar a imaxe do Cristo da
Agonía. Na base da cruz, a cada lado, hai medallóns feitos coa mesma técnica que o marco,
con símbolos da Paixón.
O retablo remátase formando un arco apuntado e proxectándose na parte central máis adiantada por un dobre escalonamento. Nos extremos laterais adornos de rocallas. Aos lados do retablo maior, no espazo libre que queda do paramento, e sobre peañas de gran resalte con adornos laterais, hai dúas imaxes da Virxe: Fátima e Perpetuo Socorro. A construción deste retablo realizouse nos primeiros anos do 1800. Da pintura do mesmo encargouse, no ano 1846, Xacobo Andrés Páez de la Iglesia, natural de Tui, que cobra pola mesma a cantidade de 6.140 reais. Nesta obra acompañao Xoán Barreiro, tamén de Tui, que realiza aquí, nese mesmo ano, distintos traballos de pintura, e probablemente sexa o pintor do retablo do Carme. Na capela do lado sur atopamos este retablo. Ocupa practicamente todo o paramento. O banco é de pedra, con pilastras, e o altar -centrado- é tamén de pedra. No frontal, que estivo pintado, apréciase no centro o escudo do Carme.
A predela é ampla. Ten catro pilastras para o apoio das columnas que dividen o corpo
en tres rúas. As interiores adórnanse con cabezas aladas de anxo, non así nas extremas.
As cores de fondo do retablo son tonos planos en crema e as molduras en branco. Mantén os marmoreados semellantes ao retablo maior nas pilastras, e tamén a técnica dos debuxos gravados e dourados. No centro da predela está o Sagrario, cun relevo do Año de Deus -máis sinxelo que o do retablo maior- rematado nunha crestera. Catro columnas semellantes e douradas dividen o corpo do retablo. As extremas teñen no centro o anagrama mariano, e as internas o escudo do Carme.
As rúas laterais teñen unha peaña que nace na cornixa da predela e, na parte superior, un dosel do que penden cortinas anudadas para abrirse e arroupar a imaxe. No fondo debúxase un marco, con gravado e dourados, que fan resaltar a imaxe alí colocada. As peañas están ocupadas por S. Xosé e S. Brais, nun mal estado de conservación.
Na rúa central fórmase unha fornela con catro medias columnas adosadas, dúas no plano do retablo e outras dúas máis adiantadas e sobre ménsulas esquinais do corpo que se proxecta ascendendo dende a cornixa da predela e que se vai abrindo a modo dunha peaña moi simple. No centro ten unha cabeza de anxo alado por riba dunha roseta. As semicolumnas son máis pequenas que as que dividen as rúas, pero adórnanse igualmente no centro cun escudo que representa o cetro da Virxe do Carme. Nelas apoia o arco de medio punto que cerra a fornela, moldurado e con adorno central. O fondo fai un marco pintado.
A cornixa que separa o ático é quebrada e pártese no medio con dúas espirais para acoller o arco da fornela central, que se adorna nos extremos con xarróns. No centro, sobre unha peaña que apoia no arco da fornela central, hai outra fornela co marco adornado por motivos vexetais que van superpondose uns aos outros e dando unha forma multilobulada. Nela preside un Neno Xesús de Praga. Na pintura do fondo podemos apreciar unha venera. Separa esta fornela central dos rexistros laterais unha banda, con adorno floral no centro, que ascende ata o adorno de follaxe baixo o arco adiantado onde remata o retablo formando lóbulos para o encaixe do escudo do Carme, que se dobra sobre o cuarteirón correspondente da teitume.
Nos laterais do ático hai a cada lado a súa peaña, colocada a plomo, e un debuxo de
espello. Nas peañas están S. Bieito e S. Ramón Nonato, ao que lle falta a custodia.
A feitura, así como a pintura e a decoración deste retablo, parecen ser dos mesmos
autores que o retablo maior.
Na capela do lado norte, centrado no paramento está o retablo do Sagrado Corazón. Este é un retablo neogótico. O altar de madeira serve de apoio á predela deste retablo que se adianta na parte central tendo as rúas laterais formando ángulo coa mesma. Catro pilastras dividen as rúas, sendo as extremas máis baixas, rematando todas elas en cúpula de frecha.
As fornelas laterais presentan arcos moi apuntados e con molduras. As imaxes colócanse sobre peañas.
A fornela central, moldurada e con arco apuntado -aínda que menos que as laterais-,
adornada en todo o seu contorno con crestera, é moito máis fonda polo adiantamento producido. Sobre unha base alta, na que hai na fronte o anagrama de Cristo, colócase a
imaxe do Sagrado Corazón.
Os remates das rúas son en capela, adornadas con marquetería, destacando o rosetón
da central. As fornelas laterais están ocupadas por S. Antonio de Padua e Sta. Lucía.
Sobre a mesa do altar, pousadas nel, están as imaxes de S. Antón e Sto. Amaro.
Estas dúas imaxes, así como a de S. Xon Bautista que está no retablo do Carme, a de S. Brais e a de S. Sebastin, xunto coa táboa de ánimas, son unha boa mostra da
imaxinería que tiña xa esta igrexa nos comezos do sculo XVIII, sen esquecernos do Cristo
da Agonía, Santiago e S. Filipe do retablo maior.
A igrexa actual data de 1768, segundo unha inscrición que ten na fachada oeste dereita da porta principal. Esta data fai referencia á reconstrución e ampliación da nave da antiga igrexa do mosteiro que existiu aquí, xa que está nos terreos do mesmo. O mosteiro era dúplice, tiña frades e monxas, e seguía a regra da Orde de S. Bieito. Foi fundado pola raíña Dona Aragonta, que era a segunda muller do rei de Galicia e León Ordoño II, co que casou no ano 922. Ao ano seguinte foi repudiada polo seu marido para poder casar con Dona Sancha, que era filla do rei de Navarra. E por este motivo veu recollerse no mosteiro que fundou aquí nese mesmo ano de 923. Neste mosteiro fundara tamén a primeira biblioteca e lugar de alfabetización da comarca.
Era curmán de S. Rosendo por parte da súa nai, e a tradición conta que este,
coñecendo a enfermidade de Aragonta, ven a visitala, pero no camiño ten unha visión de anxos cantando o Gloria, e manda dar volta á súa comitiva dicíndolles que xa estaba morta. É o que se coñece por milagre de S. Rosendo. Despois da súa morte, a nai -Dona Teresa- pon o mosteiro baixo a custodia de Ramiro II de León, e retírase para vivir nel. Tamén viviu e morreu nel o seu fillo, o Venerable Hermenexildo, que finou o xoves 2
de novembro do 943 segundo se recolle da inscrición da súa furna funeraria: “In hoc tvmvlo requiescit famvlvs dei Hermegildus qui obiit die quinta feria nonas novembris era DCCCCLXXXI fratres et sorores orate pro nos” (En este sarcófago yace el siervo de Dios Hermenegildo que falleció el día 2 de noviembre del 943. Hermanos y hermanas rogad por nosotros).
No ano 1180, o rei Fernando II, xunto co seu fillo Afonso, na cidade de Zamora, outorgan privilexios a favor do Bispo de Tui, concedéndolle entre outros o mosteiro de Salceda. Tamén hai documento da doazón realizada polo rei Alonso IX de León con data 17 de outubro
de 1215 en Castelo Rodrigo a favor do Bispo de Tui, Juan Pérez da Igrexa. É singular que o Rei D.Sancho IV dende Valladolid, o día 11 de abril de 1288, outorgase a Don Juan Fernández de Sotomayor, bispo de Tui, a capacidade de nomear xuíz e merino no abadengo de Salceda. A desaparición do mosteiro como tal é do século XVI.
Fotogrametría:
Propiedade: PúblicaPrivada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
A Cruz parroquial data do ano 1875, segundo consta inscrito no pé da mesma polo reverso. É de prata e prata sobredourada. Representa a Cruz de Trindade, cos brazos iguais e cuarteiróns centrais. No anverso presenta un Cristo en Agonía, con catro cravos e os pés en apoio sobre peaña. Por riba da cabeza, no cuarteirón, en relevo e sobredourada, a lenda do INRI, e tamén en relevo un enmarcado xeométrico. Nos centros dos brazos da cruz, sobre un relevo de adornos xeométricos e vexetais, hai cabezas de anxos aladas. Nos ensanches dos remates, con relevos de adorno, superpóñense as figuras dos evanxelistas. Estas, o mesmo que o anxos e os raios da gloria, son en prata sobredourada. O reverso segue o mesmo esquema e adorno, pero no centro está a imaxe da Asunción de María, e nos ensanches os símbolos dos evanxelistas, menos no inferior que ten a imaxe de S. Telmo.
A macolla presenta dous corpos en hexágono, para recoller en cada unha das caras a imaxe dun apóstolo en prata sobredourada. Estas sitúanse sobre un relevo de fornela. Nos ángulos que separan cada cara da parte inferior hai adornos vexetais superpostos, e na parte superior cabezas de anxos que coroan ramos florais. O remate de cada corpo é un bo traballo de crestera. Do corpo inferior penden campanillas. A cúpula ten catro cabezas de anxos aladas.
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/SALCEDADECASELAS/documents/0921CA003.pdf (Páxinas 1 e 2)
http://www.salcedadecaselas.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=1084
http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?langId=es_ES&cod_rec=5532&ctre=31
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.1109225323Lonxitude: -8.55066776276
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84