
Outra fotografía:
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Mos
Parroquia: Dornelas (Santa María)
Lugar: O Cotiño - Rúa Pedreira
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval, Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:
A primitiva igrexa foi románica. Dela atopamos poucos vestixios, pero aínda podemos observar algúns restos aproveitados nas distintas reformas que sufriu, como parte dos paramentos.
Na última reforma deixáronse á vista no interior da igrexa dúas pezas correspondentes, con toda probabilidade, ao arco dunha ventá con labra de billetes e moldura de bocel, unha imposta de sustentación das vigas, e a abertura dunha fiestra seteira con derrame interno. Tamén se pode apreciar algún outro elemento pola parte externa.
A fachada principal é do s. XVIII. No centro ten a porta, recercada por unha moldura de baquetón, que se prolonga na parte superior para formar orelleiras. No centro do lintel ten un adorno floral. Sobre a porta hai unha ventá de dobre derrame, de forma rectangular, e rematada na parte superior en arco. Toda ela está moldurada por unha faixa no seu contorno, con prolongacións laterais e superior. Por riba dela, e xa no frontispicio, ábrese un óculo, tamén con moldura de baquetón e un escudo do Carmelo de recente factura. Dende ambos os lados, á altura do centro da ventá, parte a cornixa que sustenta o Tellado a dúas augas. Sobre ela, na fachada principal, está o sostén dos pináculos e o comezo da moldura que ascende ata a base da torre.
A torre ten unha base cadrada, que sobresae cunha moldura mixta en volta. Esta base cadrada fórmase con catro columnas que sosteñen un corpo superior novo, en pedra, con pilastras esquinais para soster a cornixa da pirámide que o cerra. Nas esquinas, pináculos, e como remate unha cruz da Trindade radiada. A fachada foi reconstruída no ano 1922, e nese momento fíxose a torre substituíndo a espadana primitiva.
Poucos anos despois, en 1927, prolóngase a igrexa derrubando a cabeceira para facela coincidir coa nave.
Polo exterior os paramentos son lisos rematando na cornixa. Pódese apreciar algún canzorro e o escudo do Carme na parte posterior.
A sacristía é un engadido no lado sur, e construíuse no 1967, ao mesmo tempo que se facían outras obras no interior, como foi a retirada do altar maior, que era de cemento, e a supresión dos dous altares laterais. Nese mesmo ano constrúese a tribuna actual, ante a precaria situación que presentaba a antiga de madeira feita no 1761.
Nas últimas reformas, realizadas nos anos 1985-1986, descubriron algúns restos románicos nos paramentos; reparouse tamén o tellado e colocouse un novo altar de pedra.
No interior presenta unha soa nave rectangular, con aspecto moderno, xa que se reformou completamente.
No zócalo, ao igual que nos paramentos, deixáronse marcos para poder apreciar os elementos máis antigos ou interesantes que se atoparon nas reformas, como algunha pequena fornela, ou a pía de auga bendita, labrada en forma de cuncha na parte inferior e cun adorno de vénera.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
ftp://pxom.mos.es/7.-20TOMO%20VII_CATALOGO%20DE%20BENS%20E%20ELEMENTOS%20A%20PROTEXER/CATALOGO%20DE%20BENS%20E%20ELEMENTOS%20PROTEXIDOS.pdf (Ficha A_024)
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/MOS/documents/0836CA001.pdf (Páxina 1)
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.2080611116Lonxitude: -8.63558113575
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84


620.000 recursos do patrimonio cultural galego na túa man!




