Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: A Mezquita
Parroquia: Santigoso (San Simón)
Lugar: Santigoso
Outra denominación do ben: Castelo do Formigoso
Cronoloxía: Idade do Ferro,
Descrición:

Segundo o traballo “Os castros do Concello da Mezquita” de Nieves Amado Rolán sobre o cal se confecciona o texto desta ficha, a primeira noticia escrita sobre o Castelo de Santigoso débese ao dicionario de Madoz de 1847, que na voz Santigoso di: “Sobre los picos del monte, que hemos dicho domina el pueblo, se ven las minas y vestigios de una fortaleza que unos creen obra de romanos y otros de tiempos de los árabes”. Cronoloxía: posiblemente SS. II a. C. – I d. C. etapa cultural da II Idade do Ferro, fase final da cultura castrexa. Ten varias fases ocupacionais. Aínda que pola morfoloxía actual do castro, o cambio de era sexa unha cronoloxía axeitada para o seu abandono, non é descartable pensar que a súa fundación sexa moito máis antiga, incluso unha evolución dun poboado do Bronce Final polo seu emprazamento, ou da primeira fase da cultura castrexa. A croa debeu ser o recinto inicial a partir do cal se lle engadiron os outros dous, acaroados ó longo das distintas etapas culturais, nun sistema construtivo progresivo segundo as necesidades demográficas e/ou os cambios na estrutura socioeconómica de cada momento.
Tanto a cronoloxía como a evolución diacrónica do poboado só se poden documentar dunha forma precisa mediante escavacións arqueolóxicas científicas.

O Castelo emprázase nunha acrópole, un outeiro coroado por un afloramento residual de granito ou “castelo”, a 1254 m. de altitude,situado no medio da serra da Azoreira, unha estribación occidental da serra do Marabón, á súa vez, estribacións da serra da Segundeira. É o castro máis alto e visible de toda a contorna. Agás cara o norte, onde se empraza o chamado “castelo grande” con máis altitude, o seu dominio visual é amplísimo a curta, media e longa distancia, controlando non só as chairas e vales da Mezquita, senón tamén a comarca das Frieiras dende a Gudiña, parte das terras portuguesas de Tras os Montes e as zamoranas de Lubián e Hermisende. A paraxe onde se empraza é unha superficie de erosión de alta montaña, con moitos afloramentos de granito en toda a zona, descarnada,totalmente despoboada e pouco accesible, con solos pobres de pouca potencia e ningún río, tan só regatos e mananciais subsidiarios do río de Cádavos.
As medidas son : Superficie transformada: 98.100 m² . Superficie habitable 49.135 m² . Superficie non habitable 48.935 m² . As medidas lineais serían: no eixo NL-SW 410 metros e no L-W 310 metros

O castro non conta con boas defensas naturais, agás no sector norte, polo que ao seu emprazamento estratéxico e gran extensión, únese un profuso, diverso e monumental sistema defensivo. Cada un dos tres recintos está achairado sobre fortes terrapléns e amurallado con muralla pétrea de granito, que a pesar da gran depredación de pedra, na parte máis inaccesible, a croa, os derrubes acadan unha altura de uns 10 m. No terceiro recinto, cara o sueste, a muralla ten 4,30 m. de anchura cun modelo construtivo en fiadas horizontais de aparello poligonal rechea de cachotería, semellante ó dos grandes castros da comarca limítrofe de Monterrei. O sistema de murallas complétase con torreóns defensivos, hoxe é visible un no suroeste da muralla do terceiro recinto, e posiblemente outro, un gran torreón de vixiancia, independente da muralla, situado no cumio do farallón rochoso, dado o gran derrube de pedra que alí existe. O conxunto poboacional dos tres recintos está rodeado perimetralmente por un sistema de foxo-parapeto-foxo, moi visible actualmente nas zonas nordeste e suroeste, onde se poden contar ata tres foxos concéntricos, e nalgunha área máis vulnerable catro.
O castro está emprazado nunha zona de solos pouco aptos para a agricultura, máis aptos para a gandería e o pastoreo, pero non parece un castro dedicado só á economía agropecuaria, tendo en conta as dúas características máis salientables, que son o seu gran tamaño, o que implica un gran número de habitantes, e o amplo control visual sobre o territorio. Para que tanta xente puidese vivir neste lugar, a economía tivo que estar baseada en parámetros estratéxicos de moito valor naquela etapa. Poden ser dúas as liñas socioeconómicas que crearon, mantiveron e desenrolaron os pobos da comarca no Castelo: un papel dominante, “central”, do castro como xerarquizador do territorio e integrador dos demais poboados de menor entidade, no que tería funcións socio-políticas e relixiosas: exercería como centro urbano, concentrador de poboación, con función defensivas xerais, de control de vías naturais de penetración ou de paso, como centro de produción, intercambio ou espazo ritual. Esta interpretación converteríao nun dos chamados “oppida” ou grandes poboados considerados protocidades, da zona meridional de Galicia e norte de Portugal, máis dinámica, evolucionada e de maior complexidade social, coincidente co futuro convento bracarense, na etapa final da cultura castrexa.
Na prospección realizada apareceu un machadiño de pedra pulimentada de 7 cm. de longo. Unha pía de granito pulimentada no interior, de 55 cm de longo, posiblemente un morteiro.

Fotos: Nieves Amado Rolán.
Na segunda foto da ficha vemos a muralla suroeste do terceiro recinto e a defensa de pedras fincadas do sector norte da croa


Fotogrametría:

Propiedade: ComunalPrivada
Uso actual: AgrícolaOutros
Código no Catálogo da Xunta: GA32048011
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Amado Rolán, Nieves. Os castros da Mezquita. Ruta cultural entre os tres Castros. O Castelo de Santigoso. O Carballerego da Mezquita. O Cabezo de Chaguazoso. Ano 2010

http://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2014/01/12/viaxe-a-unha-gran-cidade-da-idade-do-ferro-o-castelo-pequeno-de-santigoso/
Plano de Pendentes (zona inferior esquerda da imaxe)
http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/descargas/pdfs/PENDENTES/Pendentes_0266A-0508.pdf
Ortofoto do voo americano do 1956(zona inferior esquerda da imaxe)
http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/descargas/pdfs/ORTO56/Orto56_0266A-0508.pdf
http://www.celtiberia.net/verlugar.asp?id=761


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

O castro está cruzado por varias pistas de terra que romperon as defensas en varios puntos. No sector leste as fincas privadas muradas alteraron a muralla neste sector, facendo os muros de peche coa propia pedra da muralla e por riba dela. Parece que houbo ata a actualidade unha gran depredación de pedra da muralla. Polo demais e aínda que ten unha gran superficie, non sofre grandes alteracións.


Onde está localizado

Latitude: 42.0045347733
Lonxitude: -7.01125144958
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84