
Outra fotografía:

Tipo de ben: Conxunto de vivendas (Cascos históricos, barrios, aldeas),
Concello: Terra de Soneira (comarca) / Vimianzo
Parroquia: Cereixo
Lugar: Cereixo
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:
Non se sabe con exactitude a orixe exacta desta fermosa vila, pero o que si se sabe é que existía xa no século X, como mínimo. Situada a pouca distancia da desembocadura do río Grande do Porto na ría de Camariñas era un lugar estratéxico para o comercio e a defensa deste territorio. Por esta razón, había un torreón de defensa (s.X) ,seguramente situado na península onde hoxe está o pazo das Torres. Pero esta pequena fortaleza non puido cos saqueos e invasións que estaban a realizar viquingos e árabes, durante os séculos XII e XIII. O que sería o “Cereixo vello” quedou finalmente arrasada e reducido a cinzas.
O rei Afonso XII decidiu refundar a vila mediante a concesión dunha “carta puebla”. Ó ser unha “vila real” Cereixo tiña foros e privilexios diferentes ós dos lugares creados por señores ou nobres feudais. No 1228, o propio monarca fará unha visita a esta e outras vilas da contorna.
Entre os seus monumentos destacan as Torres de Cereixo, magnífico pazo do s. XVII onde residían os señores feudais; un muíño de mareas e a pequena igrexa románica de Santiago do s. XII, cun interesante tímpano cun Translatio. Na praza ou campo da festa, hai un inmenso carballo centenario. Dende aquí, podemos baixar cara o pequeno regato de Cereixo e pasear polo seu fermoso paseo fluvial que conta con paneis explicativos da flora, fauna e historia do lugar. Encaixonados entre as casas do lugar a un lado e ó outro a igrexa e o pazo, chegamos ó final do paseo, ó muíño das Torres onde desemboca o regato no río do Porto.
En Cereixo parece que se detivo o tempo. As súas casas de pedra con balcóns de variados enreixados de ferro non sucumbiron á enfermiza febre destrutiva do feísmo que si asolou o resto de vilas de toda a Costa da Morte.
Hai varias casas poderosas. Citaremos a Vila Purificación, construción de estilo barroco do século XVIII. Nesta casa cobrábanse todolos foros dos arredores, de aí que conte cun enorme hórreo (ou cabazo, como lle chaman na Terra de Soneira). Conta con 19 pés, sendo así o terceiro máis grande de Galicia. Ademais, nos seus terreos hai un fermoso pombal de planta circular.
O porto de Cereixo, abrigado e interior, foi moi importante na súa época. Ata aquí chegaban barcos con peregrinos que seguían o camiño ata Santiago ou Muxía (de aí a dedicación da igrexa ó Apóstolo). A tradición xacobea desta vila fixo que no 2010 fose declarada Porto Xacobeo. Nos últimos séculos tamén arribaron barcos que viñan buscando xente para América, durante a emigración. Hoxe en día aínda existe un pequeno asteleiro que segue a fabricar embarcacións.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Non está inventariado
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
LEMA SUÁREZ, Xªmª e VVAA (2010),Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte. Xerais, Vigo
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
A estrada de Camariñas a Muxía pasa polo medio da vila. O lugar é moi estreito, só pode pasar un coche. Non hai aceras e é un perigo para os peóns e, por conseguinte, para os turistas que queiran ver as casas. Deberíase desviar o tráfico, como xa se fixo nun lugar próximo do concello (en Castrelo) e adecentar a zona para tráfico residente ou peatonal.
Outra ameaza: o goberno actual da Xunta anunciou que ten a intención de construír un porto deportivo no lugar. Non se sabe as consecuencias que isto poderían traer para a pequena aldea de Cereixo.
Onde está localizado
Latitude: 43.13176144162969Lonxitude: -9.126012325286865
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
3 comentarios
Xose Troiano says:
Set 15, 2011
As xentes de Cereixo repoboaron o pobo de Muxía no ano 1119 gracias o Rei de Galiza, Afonso VII. Segundo conta a “Historia Compostelana”, no ano 1105, Muxía foi arrasada polos normandos e, pouco máis tarde, en 1115, polos musulmáns. O Rei como se criou na súa infancia no mosteiro de Moraime, e Muxía pertencía a este, mostrou o seu interese en que Muxía fose repoboado outra vez.
Manuel Rial says:
Set 15, 2011
Certo é que Muxia está feito por Cereixáns (ou como se diga) aínda que nin eles o saiban!
Manuel Rial says:
Set 15, 2011
Subo os enlaces das fichas dos monumentos de Cereixo:
– Igrexa de Santiago (s.XII) http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/09/igrexa-de-santiago-de-cereixo/
– Pazo das Torres de Cereixo (s.XVI) http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/09/as-torres-de-cereixo/
– Muíño de mareas http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/09/muino-de-mareas-de-cereixo/
– Vila Purificación (s.XVIII) http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/09/vila-purificacion-de-cereixo/