
Outra fotografía:
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Allaríz
Parroquia: Requeixo de Valverde (Santa María)
Lugar: Requeixo
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XIX,
Descrición:
Datable a mediados do século XIX, mais concretamente no ano 1856, o templo parroquial de Santa María de Requeixo é o edificio relixioso máis suntuoso da contemporaneidade alaricana. Xunto co románico da vila e o mozárabe de Pazó e Amiadoso, o neoclásico de Sta María de Requeixo toca o ceo da arquitectura relixiosa galega, ofrecéndonos un dos mellores exercicios de estilo que podemos contemplar.
De planta rectangular e unha única nave, o templo cobra un maior volume espacial á altura do presbiterio, provocando un tímido alargamento dos muros de peche e a elevación da cuberta. Os laterais intercalan unha secuencia de ocos de iluminación rectangulares situados a media altura e contrafortes apilastrados encostados ao muro que traban de arriba abaixo todo o edificio. Cada un deles figura rematado por un voluminoso pináculo rematado en bola que pauta ritmicamente a cuberta do edificio.
O paramento responde á tipoloxía do opus quadratum á vista da extraordinaria calidade da cantería utilizada, tanto na súa fachada como nas faces secundarias.
O frontis do templo é o elemento máis logrado de todos. Presentado en forma de retablo e dividido en tres rúas isódomas, a sección principal sobresae lixeiramente do lenzo mural para destacar o seu eixo, contendo superpostos todos os elementos realmente substantivos do edificio: porta de acceso, fornela votiva e espadana torreada.
A linguaxe arquitectónica utilizada é, como queda dito, a neoclásica, o que permite establecer múltiples coincidencias cos edificios relixiosos máis representativos deste estilo como as composteláns igrexa de S. Bieito do Campo de Melchor de Prado ou a igrexa das Ánimas de Ventura Rodríguez(ambas do último cuarto do S. XVIII). Así os piares en rea, frontóns triangulares partidos, arcos de medio punto rebaixados, etc… remítennos aos mellores exemplos da arquitectura neoclásica galega. Xunto a estes elementos, os vasos artísticos e os xigantescos pináculos rematados en bola recórdannos que estamos diante dun neoclasicismo tardío e empapado de eclecticismo.
A carón do templo hai un Oratorio de fachada aberta que semella coetáneo ao templo, construído en forma de arco de triunfo, decorado con métopas engalanadas con detalles fitomórficos. Unha clave ornamental enlaza o friso co arco, ambos situados baixo o cimacio. Conta asemade con fortíns de grosos beirís e arco. Decórase con artísticos pináculos de bola sobre peana a xeito de acroterios.Ao pé do oratorio, xusto enriba do muro que delimita o adro, levántase un modesto cruceiro sen figuración.
Segundo a versión oficial o templo foi erixido grazas ás doazóns económicas do Conde de Valverde, un potentado do lugar que residía nun caserón da aldea próxima de Valverde.
Pero a maioría dos veciños teñen na súa memoria unha historia totalmente diferente, pois ao parecer foron as doazóns de varios dos fregueses, as que serviron para a reedificación da igrexa.
Chegado o momento da inauguración, este suposto conde (que solo o era de apelido), no seu afán de protagonismo, auto-nomeouse “o reedificador” coa colocación dunha placa que se pode ver na fachada principal, deixando ao resto de doadores con dous palmos de narices.
Isto fixo que os demais, doídos polo feo xesto de este, pasáranlle a conta total da obra que non foi capaz de satisfacer, deixando unha débeda que se comprometeu a pagar aos demais co tempo. Obriga que non foi quen de cumprir e que se esqueceu co paso do tempo, deixando para a historia erroneamente o seu nome sen ser merecedor de tal cousa.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
http://www.allariz.com/recursos/catalogo_patrimonio_2.pdf (P.107-108-109)
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.1904522917Lonxitude: -7.75688409805
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84


620.000 recursos do patrimonio cultural galego na túa man!




