
Outra fotografía:
Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Mos
Parroquia: Sanguiñeda (Santa María)
Lugar: Piñeiro
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:
Igrexa con planta de nave rectangular, de teitume a dúas augas, e cunha capela maior cadrada e máis estreita que a nave. A sancristía está encostada á capela maior no seu lado norte. A fachada principal presenta unha porta principal (rectangular e moldurada con remate en relevo dunha cruz), a fornela (con arco de medio punto e con moldura de bocel, e unha imaxe de pedra da Virxe do Leite) e a ventá (rectangular e con derrame externo e unha moldura en banda). Na parte superior da moldura aprécianse dous buracos nos que se colocou unha peaña sobre a que estaba outra imaxe pétrea de Santiago Sedente. Esta escultura tamén está na actualidade no interior do templo sobre unha peaña nova de pedra. Representa a Santiago Apóstolo, co gorro de peregrino, sentado, e cun bastón na man dereita e na esquerda un rolo cunha lenda, agora ilexible.
Sobre a porta atópase unha cornixa central, que fai de apoio á moldura rectangular que enmarca a fornela e a ventá.
Remátase a fachada cunha cornixa que parte da base dos pináculos extremos, piramidais e de bola, ata a base do campanario, formada por un potente corpo rematado nunha cornixa voada sobre a que se asenta o corpo das campás.
A cornixa lateral sobre a que asenta o teitume tamén continúa no seu comezo no lateral desta fachada, dando a sensación de ser o remate de pilastras laterais, e máis cando no lado norte se aproveitou o primeiro contraforte para pechar o acceso ao campanario, completándoo cun murete de cemento.
A espadana é de construción máis recente e complétase en cemento cunha agulla hexagonal rematada en cruz metálica trebolada.
Nos paramentos norte e sur ten tres contrafortes, con abertura dunha pequena fiestra rectangular. No lado sur hai unha porta lateral de acceso á nave.
A capela maior, de planta cadrada e máis estreita que a nave, ten cuberta a catro augas e remátase cunha bola central. Mantén a cornixa semellante á dos paramentos laterais da nave. Nos paramentos norte e sur hai unha gran ventá rectangular para dar luz ao presbiterio. A sancristía, no lado norte, tamén ten tellado a dúas augas e remátase con capias.
Aínda que se descoñece a data de construción desta igrexa, no muro da sancristía atópase unha inscrición co ano de 1685, xunto co nome xa ilexible do seu patrocinador. Segundo algúns esta é a data de construción da igrexa; outros afirman que só se refire á sancristía, que é unha construción posterior engadida á capela maior. Se así fora, a igrexa sería anterior, aínda que non demasiado.
Fotogrametría:
Propiedade: PúblicaPrivada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
No interior da igrexa destacan un retablo do século XIX, varias imaxes, entre as que destacan San Roque, a Virxe do Carme, a Virxe da Ascensión, a Inmaculada Concepción, Santo Antonio de Padua, Santo Antón, e A imaxe de Santiago Apóstolo na batalla de Clavijo.
Destaca tamén un retablo de mármore, sen altar, situado no parámetro sur da nave, no lado do arco triunfal.
Fai poucos anos foi restaurada a pía bautismal, do século XVII.
Tradición oral:
A imaxe da Virxe do Leite posúe unha inscrición na que di que os veciños a atoparon á beira da chamada ” Fonte Santa” e que a cargaron nun carro de bois para levala á igrexa parroquial, que era a da parroquia veciña de Pereiras. Ao chegaren ao lugar de Piñeiro os bois non quixeron continuar camiñando. Os veciños interpretaron que aquel lugar era onde quería permanecer a imaxe da Virxe, e por iso lle construíron a igrexa.
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
ftp://pxom.mos.es/7.-20TOMO%20VII_CATALOGO%20DE%20BENS%20E%20ELEMENTOS%20A%20PROTEXER/CATALOGO%20DE%20BENS%20E%20ELEMENTOS%20PROTEXIDOS.pdf (Ficha A_040)
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/MOS/documents/0836CA001.pdf (Páxina 3)
http://www.diocesetuivigo.org/diocese/sanguineda.pdf
http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?langId=es_ES&cod_rec=5806&ctre=31&volverFicha=true
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
A imaxe que se atopa actualmente na fornela é unha copia da orixinal que, debido á exposición continua á intemperie, estaba deteriorándose. Por esa razón situouse no interior da igrexa, sobre unha peaña de pedra, no lado norte do paramento no que apoia o arco triunfal.
Onde está localizado
Latitude: 42.1759513393Lonxitude: -8.63383769989
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84


620.000 recursos do patrimonio cultural galego na túa man!




