Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Oleiros
Parroquia: Santa María de Dexo
Lugar: Dexo
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval,
Descrición:

A igrexa de Santa María de Dexo é un fermoso exemplar do rural románico galego. De planta rectangular, ten unha soa nave cuadrangular, capela maior cunha ábsida semicircular que preside a súa cabeceira e arco triunfal apuntado sobre semicolumnas adousadas. Dúas pequenas portas ábrense nos muros norte e sur da nave, destacando o tímpano da porta norte. Tamén podemos ollar os característicos canzorros con diversas figuriñas. A cuberta da nave é a dúas augas sobre cercha de madeira e a da ábsida a tres augas con tella curva do país. Na fachada, o fermoso pórtico da entrada principal, típica do románico que presenta unha triple arquivolta de medio punto con dous pares de columnas sobre as que se asentan as ditas arquivoltas decorados con motivos xeométricos. O arco maior apóiase no muro mediante imposta en bisel destacando da portada tamén o seu fermoso tímpano. Sobre a portada podemos ollar un óculo de luz e sobre esta, rematando o conxunto, unha espadana de dous corpos, flanqueado por dous pináculos piramidais con bóla. O primeiro corpo da espadana está formado por dous arcos de medio punto que descansan sobre piares moldurados que serven para aloxa-las campás. O segundo corpo é un pequeno frontón triangular curvo coroado por un pináculo moldurado e cunha cruz de forxa enriba.
Nos case 900 anos de existencia da actual igrexa de Dexo tivo múltiples restauracións e engadidos, algunhas delas son: No ano 1108, o arcebispo Xelmírez restaurou e consagrou esta igrexa. No ano 1199, segundo a inscrición do pórtico é o ano que se constrúe a portada. No ano 1733, hóubose de reconstruir a Capela Maior que se derrubara en parte e con este motivo engadiríase unha sancristía de forma rotonda que se conservou ata restauración de 1991. Ano 1793, construíse a actual espadana e o coro. A espadana fixérona os irmáns Barcala e axustárona en 4.500 reais. Ano 1903, sufriu un importante incendio a causa dunha vela que ficou prendida durante a noite, queimando o teito, retablos e imaxes. A restauración foi moi defectuosa sufrindo a ultima restauración no ano 1991. Estos traballos foron promovidos polo concello de Oleiros que afectaron a totalidade do inmoble, renovouse a teitume, suprimíuse o coro e a sancristía, limpáronse os muros e igualouse o pavimento pero a parte máis interesante da restauración afecta a fachada occidental, que atopándose desprendida dos muros laterais e cun desplome de varios grados non houbo máis remedio que facela, desmontándoa cun coidado proceso de numeración, acopio e apeo do edificio. Con esta restauración houbo uns achádegos arqueolóxicos importantes que proban da existencia dunha igrexa anterior e acaso lugares de culto anterior pagano cristianizados na zona.
Como noutras igrexas do rural galego, aparece o cemiterio dentro do recinto do adro, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

Conta a tradición que foi construída por un monxe para instalarse nela fuxindo do posible descubrimento dos pecados que lle farían perder a súa ocupación relixiosa.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

– CARDESO LIÑARES, J.:”Dos iglesias románicas del ayuntamiento de Oleiros”. Anuario Brigantino, 1995, (Páxs. 195-200).
– SORALUCE BLOND, J.R.; FERNANDEZ FERNANDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, oleiros e Sada”. Vol. I, Deputación Provincial da Coruña, 1995.
-http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/OLEIROS/documents/26746ca501.pdf (páx.6).
-http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/OLEIROS/documents/26746ca502.pdf (páx.1).


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.3948278384
Lonxitude: -8.32276582718
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84