Outra fotografía:
Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: Forcarei
Parroquia: Millerada (San Mamede)
Lugar: Garellas
Outra denominación do ben: Castro de Garellas
Cronoloxía: Idade do Ferro,
Descrición:
Trátase dun castro que se atopa a poucos metros da aldea de Garellas, na parroquia de San Mamede de Millerada, ao que se pode aceder de xeito moi sinxelo xa que unha estrada local pasa a carón del e ten unha entrada limpa de maleza.
Dende o exterior obsérvase o parapeto e algunhas zonas deprimidas que poderían ter formado parte dun foxo exterior, no seu interior, bastante limpo de maleza, atopamos unha planicie de certo tamaño, de feito, os vellos recordan xogar alí ao fútbol de rapaces. Rodeando esta planicie observamos, a pesar da vexetación que o cubre, un parapeto duns dous metros de altura aproximadamente.
Fotogrametría:
Propiedade: ComunalPrivada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.5574033041Lonxitude: -8.31502497196
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
4 comentarios
elixiovieites says:
Abr 1, 2014
Páxinas cos Bens de Forcarei no que se inclue este castro.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/FORCAREI/documents/0786CA001.pdf
Pablo Eirín says:
Abr 3, 2015
Ou tamén chamado Rodeira de Garellas ou Castro de Millerada. Para saber máis:
Gago, Manuel. ““Un posible torreón” e as incógnitas do Tempo do Ferro” Capitulo 0, 18-03-2011 [En Liña]. Dispoñible en:
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/03/18/un-posible-torreon-e-as-incognitas-do-tempo-do-ferro/
E tamén:
Carballo Arceo, Luís Xulio. “A cultura castrexa na comarca de Deza” Seminario de Estudios de Deza. Lalín, 2002.
Oscar Franco says:
Nov 7, 2023
Un documental amosa a tradición veciñal deste castro. Así o recolle a prensa dixital do 3 de novembro de 2023:
http://culturagalega.gal/noticia.php?id=35650
Enlace ao documental: https://www.youtube.com/watch?v=XH8vPrF59nI
Oscar Franco says:
Abr 19, 2024
O código de identificación deste castro é GA 36018007.
Engado tamén a seguinte referencia bibliográfica:
REBOREDO TAJES, Manuel. “A cultura castrexa nos vales dos ríos Lérez-Almofrei e Vedugo-Oitaven”. Tese de doutoramento. Universidade de Compostela.
Nesta mesma referencia se recolle unha boa mostra da rica tradición oral relacionada con este castro:
– “Hai un túnel que vai ata o castro de Sanguñedo, na Madalena e segundo outra versión ata o regato de Calvos”.
– “Baixo o castro andan unha galiña e os seus pitiños de ouro, oíase polas tardes o choquear da galiña e piar os pitiños. Ó querelos coller a xente que os vía, desaparecían”.
– “Alí vivían os mouros e marcharon á guerra, algúns quedaron alí escondidos baixo o castro. Por isto, un veciño chamado Ramón dos Burros leváballes centeo que moían e comían dentro do castro”.
– “Na zanxa que rodea o castro hai tres vigas: unha de ouro, outra de prata e a outra de lume ou alquitrán. As dúas primeiras téñenas que atopar as rodas dun carro a base de afondar no camiño. No caso de descubrirse a de lume ou alquitrán incéndiase todo e desaparecerán as tres vigas”.
– ” Debaixo do castro hai unha capela de ouro, coa porta cara o Norte, a poucos pasos de fondura, por debaixo da zanxa que rodea o castro”.
– “Os mouros vivían no castro das Rodeiras (Garellas), dicían que o castro, por debaixo, estaba oco, formando túneles. Por estes túneles, os mouros ían buscar auga nas brañas de Aciveiro e aquí tamén levaban os cabalos a beber”.
– “No castro das Rodeiras, dise que hai unha viga de ouro e outra de alquitrán, pero non se sabe cal está primeiro, por iso nunca se cavou, porque se topaban primeiro a de alquitrán incendiábase o pobo”.
– “Xa vén dende moito antes que dicían os nosos vellos que nas Rodeiras de Garellas había unha viga de ouro e outra de alquitrán e que se alguén quixera atopalas podía facelo. Se atopaba primeiro a de ouro facíase rico, pero se primeiro atopaba a de alquitrán arderían o pobo e os seus arredores”.
– “Tamén hai un dito que di que nas mesmas Rodeiras: entre val e val no Campo da Forca hai un xugo de ouro e un caldeiro cheo de moedas de ouro; pero non se sabe onde está ese entre val e val porque hai moitos vales”.
– “Tamén hai outro dito que di que o día de San Xoán, pola mañá ó saír o sol, sae unha galiña de ouro cos pitos a tomar o sol, pero moitas veces a xente foi mirar e nunca viron nada”.
– “Outro dito é que pola festa do San Antón de Garellas, no medio da noite, baixaba un mouro do castro para bailar coas mozas, iso é o que din pero non se sabe”.
– “Na cima do castro hai unha muralla feita de terra. As lendas contan que a devandita muralla foi feita polos mouros”.
– “Contan os vellos que noutros tempos os mouros viviron nestas terras fai moitos séculos. As historias que vou narrar datan de moi antigo. Foron contadas polos nosos antepasados e chegaron ós nosos días.
O castro ó que me vou referir chámase das Rodeiras, alí viviu unha poboación de mouros. Din que alí se empezaron a formar os pobos de Garellas, Quintelas e Vilar e, de feito, todos eles están ó redor deste castro.
Eles tiñan o seu pobo montado alí. Hai uns anos encontráronse restos de muros de pedra e neles algunhas cerámicas que agora están nalgún museo, tamén tiñan un forno onde supostamente cocían o pan. As pedras deste forno rumoréase que están nalgunha casa dos arredores.
Contan que nunha cova hai vasillas de ouro gardadas por serpes. Estes ofidios están encantados e para desencantalos hai que dicir unhas verbas e darlle un bico á serpe para poder coller o ouro.
Había outras vasillas que dicían que tiñan unha corda ó seu redor. Había que dicir unhas palabras e despois a corda convertíase nunha cobra. Despois disto había que darlle un bico e entón podías coller estas vasillas de ouro.
Neste castro, polo lado que dá contra Quintelas, dicían que había unha vella que tiña uns tendais de roupa e que os collía e os botaba ós homes, e outra señora que gardaba unha galiña que poñía ovos de ouro. Moita xente de hoxe en día lembra ter acudido a escavar a este lugar”.
– “Coméntase do Castro de Garellas que habitaron alí os mouros durante seiscentos anos, aproximadamente, e que as súas vivendas atopábanse debaixo de toneladas de terra.
Dise que os seus utensilios eran de ouro, incluso algunha viga onde eles vivían era de ouro.
A comezos do s. XX e a finais do anterior, os veciños do pobo de Garellas, que escoitaban os contos dos seus avós que lle dicían que se atopaba ouro debaixo da terra, comezaron a facer covas polos lados para poder atopar os seus tesouros, sen conseguir ningún dos seus propósitos”.
– “No Coto do Castro, a señora Carme da Seara, que morreu hai dous anos, atopou moedas de ouro nun burato. Revolveu a terra e alí estaban dous patacos de ouro e foillos ensinar á súa nai. Cando chegaron alí, xa non atoparon nada.
Ela díxome que esas moedas só aparecían nun día particular e que cando aparecían, algo lle pasaría na súa familia, bo ou malo, e de alí a dous días morreu a súa avoa”.