José Antonio Gavilanes Blanco (Gavilanes67)

José Antonio Gavilanes Blanco (Gavilanes67)


“Temos unha gran cantidade de bens e, na maioría dos casos, non están postos en valor como o merecerían”

José Antonio Gavilanes Blanco, o fillo do “Piepito”, nado en Ponte Ambía (Baños de Molgas) o 9 de Abril de 1967 é un dos máis activos catalogadores de Patrimonio Galego. “Herdei dos meus antergos o respecto e a curiosidade polo patrimonio que nos rodea, aínda sen ter unha formación adecuada para iso, pois os meus estudos foron por outro lado Formación Profesional pola rama do metal”, apunta nesta entrevista.

Sen embargo, e aínda que non é un “profesional” da arqueoloxía é un dos seus grandes divulgadores, deses centos ou milleiros que temos en Galicia e que día a día fan país. Gavilanes recoñece que, sempre que pode dispoñer “de algún momentiño”, sobre todo cando visita a aldea, intenta dar un dos seus habituais paseos recopiando todo aquilo que lle parece digno de mención. “Sinto especial atracción polos petróglifos e tamén polos muíños, posiblemente por ser fillo de muiñeiro”, apunta.

Actualmente o seu traballo está relacionado ca automoción, o que lle deixa pouco tempo para a catalogación, porque, ademais, ten unha familia que atender. Dende hai 10 anos vive na cidade de Ourense. Pero non está quedo; agora estalle dando saída ás súas inquedanzas buscando antigas historias nos pequenos recunchos desta urbe.

 

Comecemos por unha valoración de patrimoniogalego.net. Por que decidiches entrar a formar parte del?

Como a maioría dos que temos inquedanzas polo que nos rodea, sen ser profesionais, empecei a buscar sobre todo blogues nos que consultar todo tipo de inquedanzas na gran diversidade de patrimonio en Galicia. Recordo que un dos primeiros que atopei foi o de Xabier Moure (onosopatrimonio.blogspot.com.es), que me sorprendeu por conter elementos que estaba acostumado a ver a miúdo, pero que descoñecía todos eses datos dos que el dispuña na súa bitácora. Quizais foi polo que me decidín a empezar a compartir e ensinar a miña humilde recopilación de fotos con algunha historia. Isto levoume a contactar con Alberte Alonso, o xenio das Pedrafitas, e a través de el coñecín os colegas da SAGA cos que teño algunha pequena colaboración.

Todos eles con un enorme potencial e coñecementos fora de serie, pero botábase de menos algo que os complementara. Por iso me alegrei enormemente cando a través do bloge de Manuel Gago me enterei da posta en escea de este proxecto no que todo aquel que quixera podía colaborar coa súa aportación.

Despois de varias dubidas e medos, sobre todo a facer o ridículo, decidinme a probar e de feito non me arrepinto. Desde entón cando teño un momentiño intento subir algunha ficha nova do moito material do que dispoño, sobre todo da miña zona de acción a comarca de Maceda-Allariz e a de Ourense.

A partir do momento en que comecei e ver a cantidade de fichas que ia subindo, dinme conta da gran riqueza que temos e non valoramos o suficiente e polo tanto o gran potencial de patrimoniogalego.net e o que lle queda, aínda estamos comezando como quen di.

 

En canto á túa zona, coidas que se trata dunha área especialmente rica en patrimonio? E como valoras o estado no que se encontran os bens?

Penso que Galicia enteira e moi rica en patrimonio, temos unha gran cantidade de bens por calquera lado que nos movamos, solo temos que fixarnos un pouco. Polo que considero que é especial cada lugar no que vivimos, como di a canción “Galicia sitio distinto”.

Por contra tal cantidade de bens non está posto en valor na maioría dos casos como o merecería, e estase perdendo gran cantidade del como por exemplo os muíño, que se están perdendo a maior ritmo do que se están a recuperar outros.

 

Leva moito tempo catalogar tantos bens?

Despois de visitar cada zona, facer as fotos pertinentes e facer a localización, cada ficha, se a queres facer completa e con cariño, leva o seu tempo. A min gústame que ademais de describir o que se ve, intento ver se detrás de cada ben existe unha historia paralela, investigar esa información adoita ser o que mais tempo necesita.

 

Cales foron os que che deron máis traballo e por que?

Os que mais tempo e traballo me deron, foron aqueles que pola súa cercania e importancia para min, obrigábanme a facer un bo traballo, como foi o caso da ficha do “Santuario dos Milagros”  http://patrimoniogalego.net/index.php/15094/2012/03/santuario-os-milagros/ e as do patrimonio relixioso de Baños de Molgas,  o meu concello.http://patrimoniogalego.net/?s=Ba%C3%B1os+de+Molgas

 

Cal é o ben que catalogaches ao que recomendarías unha visita e por que motivos?

Ós que lle teño un especial cariño e os petróglifos que teño atopado nos paseos polos nosos montes, por unhas zonas que apenas tiñan documentados uns poucos, e polo gran número de eles que apareceron en estas pequenas zonas, o que me fai pensar en que posiblemente exista un numero semellante os da costa, aínda que sexan menos rechamantes, pois a maioría son da tipoloxía de cazoletas e círculos.

Recomendaría visitalos todos, pero en especial o “Petróglifo de Casar de Nino” en Xunqueira de Espadañedo, por ser un dos primeiros e mais impresionantes que atopei.

Tamén teño un cariño especial pola Moura no concello de Esgos, unha zona con multitude de bens entre os que está un posible geoglifo que visitei cos compañeiros da SAGA Rafa Quintía e Miguel Losada.

 

Supoñemos que durante este tempo de catalogación terás vivido algunha anécdota. Cóntanos algunha delas?

En case todas as saídas das con algunha cousa especial, sobre todo cando a xente te ve acercarte ca cámara na mau, case sempre o primeiro comentario soe ser “e para o periódico? ”, despois de iso calquera cousa é posible.

Unha que recordo especialmente foi cando estaba vendo unha peneda con unhas pequenas gravuras, e apareceu por alí unha señora maior, e comezamos a falar sobre as pedras curiosas que había pola contorna, relatoume varias experiencias con algunha como a pedra que quitaba o arangaño etc

Pero o mais sorprendente foi cando me dixo que xa facía tempo que non vía saír ningún penedo novo, que cando ela era moza saian moi a miúdo novos penedos,…………facéndome entender que saian como cogomelos.

 

Que suxerencias farías para mellorar no futuro o funcionamento ou as utilidades de patrimoniogalego.net?

Xa teño feito varias peticións que me parecen interesantes, pero supoño que non é doado de realizar debido aos modestos medios dos que se dispón.

Algo que me gustaría sería que cada ficha se puidese actualizar sen perder a primeira documentación, pois segundo isto está medrando doume conta que bens que xa están en patrimoniogalego.net sofren cambios, algúns para mellor, como poden ser as boas restauracións, e outros para pior, como derrubes, etc .

Por iso creo que estaría ben que se puidera manter a ficha inicial e dentro de ela poder actualizar os sucesivos cambios en cada ben e así comparar as alteracións no tempo, tanto nas fotos como na descrición.

Por outro lado non estaría de mais que as fichas fosen un pouco mais persoais, deixando nas maos do catalogador o poder dar mais información que a simple descritiva física do elemento.