Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: Ortigueira
Parroquia: Espasante (San Xoán)
Lugar: Espasante
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Ferro, Época Romana,
Descrición:

O Castro de Punta dos Prados é un exemplo de castro marítimo da costa Norte de Galicia.

Trátase dun poboado fortificado de pequenas dimensións (posiblemente dúas hectáreas, aínda que so se conserva unha debido á erosión mariña) e situado a unha altura de 20 metros sobre o nivel do mar.
Emprázase nunha pequena península que cerra polo Noroeste a baía de Espasante, dende a cal domina toda a enseada e gran parte da ría de Ortigueira.

Aproveita as defensas naturais do acantilado, e onde estas non existen, eríxense monumentais defensas artificiais que constan de dúas liñas de muralla de terra e pedra, dous anchos foxos en forma de U e un parapeto exterior. O espazo intramuros queda na aba dunha suave pendente e existe unha rampla que vai dende o foxo ata o cumio do castro.

As estruturas do castro atópanse en deficiente estado de conservación polas construcións de época moderna, xa que foi usado como lugar estratéxico, procedendo á colocación alí, de baterías de defensa costeira.

As primeiras campañas de escavación (1987-1993) estiveron a cargo de Emilio Ramil González e revelaron a aparición de catro vivendas de pedra, dúas circulares e dúas cuadrangulares, superpostas, adosadas á cara interna da primeira muralla e que implican a existencia de dúas fases de ocupación. A primeira, prerromana que vai ata o século I a. C. no que se situarían as vivendas circulares. E a segunda, galaicorromana, dos séculos I e II d. C., na que estaría encadrado o Monumento con Forno e as vivendas cuadrangulares. Máis tarde, existe a posibilidade de emprazamento dunha villae preto do lugar xa que apareceu unha factoría de salgado.

As segundas campañas de escavación (2002-2003), impulsadas pola Fundación Ortegalia, estiveron a cargo do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, previa redacción dun Plan Director encargado ao chamado daquela, Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais da Universidade de Santiago de Compostela e coordinado por César Parcero que sería publicado no ano 2004.

Estas revelan unha secuencia estratigráfica máis ampla aínda que a cronoloxía segue a ser relativa debido á ausencia de estudos físicos con catro episodios construtivos e de ocupación.
Do primeiro deles, anterior á construción do monumento datan os dous foxos.
Nun segundo momento reformaríase o foxo grande con dous muros de contención lonxitudinais que crean un estreitamento e habilitan sendas plataformas horizontais. Sobre unha delas emprazarase máis tarde o monumento.
O terceiro episodio evidencia a construción por medio dunha estrutura de pedra amontoada e delimitada por sendos muros de contención. Sobre ela puido haber unha superficie que prolongaría o trazado do camiño enlousado que enlaza co exterior do castro. Esta entrada ao castro prodúcese a través dun sector complexo con unha rampla que arranca dende o foxo exterior ata os pes da muralla delimitada por dous muretes de contención. Un no lado norte, máis elevado e outro no lado sur, con altura de zócalo. No tramo central evidénciase unha estrutura de madeira pola presenza de cravos e buracos de poste nas inmediacións. E posible que este camiño se bifurque preto da entrada para dar a outro camiño que se abre a unha segunda entrada (máis cara ao sur).

Ésta é a fase na que se constrúe o Monumento con Forno. Trátase dunha estrutura hipoxea, que se empraza enriba do foxo, ocupando un área de arredor de 200 m2. É un exemplo do Modelo Termal Lucense, (similar aos baños do val do Navia), situado intramuros, aínda que fora da zona habitacional do castro. Ten planta lonxitudinal disposta de Norte a Sur, con tres estancias conectadas entre si: o Atrio ou Vestíbulo que é unha estrutura de planta semicircular de 6m2 construída con mampostería, con restos de piso enlousado e posiblemente sen cuberta. A Antecámara de forma trapezoidal, tamén enlousada, delimitada por dous muros de mampostería e o terceiro que comunica coa cámara, feito de fiadas horizontais. Descoñécese a cubrición. Seguidamente estaría a cámara, de planta rectangular, de 8,5 m2, enlousada, con muros laterais que conservan o arranque dunha falsa bóveda cuberta por aproximación de fiadas de pedra. Entre ambas hai un van hoco de 20 centímetros de grosor, no que iría colocada a Pedra Formosa, que non se conserva. A ambos lados deste van, irían dúas arquetas de 30 x 30 centímetros e á súa fronte, ao nivel do piso, a piscina de auga quente. E por último, o Forno de Alimentación, de planta rectangular cuberta por aproximación de fiadas de pedra. No exterior, á esquerda hai un muro de mampostería que pecharía a zona de alimentación do forno.

Tras un proceso de abandono, produciríase unha recuperación parcial do sector próximo á entrada que podería estar vencellada a traballos do ferro, pois apareceron fragmentos de escoura. Esta nova ocupación situaríase sobre depósitos de derrube do complexo anterior alterando e aproveitando parte dos muros.

Entre os obxectos que se puideron recuperar, ademais de tipos cerámicos de man e torno lento, cerámica común romana e sigilatta, crisois con restos de bronce, muíños, pesas, fusaiolas, unha fíbula e un ás de bronce de época imperial, que permitiron unha mellor datación do xacemento, destaca a aparición unha conta de colar de pasta vítrea, oculada, e unha arracada de ouro, que poderían indicar unha primeira ocupación do castro entre os séculos IV e III a. C.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

OTERO VILARIÑO, C.; AYÁN VILA, X. M., TAPA: Traballos de Arqueoloxía e Patrimonio. Plan Director del Castro de Punta dos Prados. Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe. Santiago de Compostela, 2004.

PARCERO OUBIÑA, C.; GARCÍA VUELTA, O.; ARMADA, X.L., 2008.Contextos y Tecnologías de la Orfebrería Castreña: en torno a una nueva Arracada de Punta dos Prados (Ortigueira, A Coruña). Revista Complutum Vol. 20 (1): 83-108.

RAMIL SEOANE, E.; BREIXO RODRÍGUEZ, X.C.; GRANDÍO SEOANE, E., Historia de Ortigueira. Vía Láctea Editorial. A Coruña, 1999.

CARBALLO ARCEO, X., Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Editorial Nigratrea. Vigo, 2006.


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Está en perigo debido a que non ten protección algunha contra accións antrópicas como pintadas, gravados e rotura dalgunhas pedras


Onde está localizado

Latitude: 43.72297866632312
Lonxitude: -7.812309265136719
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84