Outra fotografía:

Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro,
Concello: Monterrei
Parroquia: Medeiros (Santa María)
Lugar: Medeiros
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Ferro,
Descrición:

Outeiro destacado e atrincheirado entre o canón do río Búbal e o val profundo do regato de Soutobeía. O lado máis “desprotexido” ten dous antecastros dobres que tamén fan a función de entrada cun camiño acodado, pola gran pendente que hai. Na ladeira oeste un muro grande bordea a media altura cunha tipoloxía máis arcaica que a croa, con sillares ciclópeos. A croa é practicamente cadrada e cunha anchura de muros que lembra a Briteiros ou San Fins. Varias prospeccións realizadas por Taboada Chivite deron achádegos interesantes como unha fíbula de bronce, varios cravos e un puñal moi deteriorado. Aínda hoxe vense moitos restos de cerámica, principalmente na croa, que ten gavias recentes de espolio organizado. Os muros da croa son de sillares pequenos e regulares e no lado leste vense os restos evidentes dunha cisterna de auga. Dentro do recinto tamén se ven varias vivendas cadradas e redondas, e nunha delas hai unha lumieira adornada con catro rombos e dez círculos, unidos nunha soa liña, de estética castrexa típica. Ademais hai varios lagares rupestres na zona máis umbría, que é a oeste, por raro que pareza.


Fotogrametría:

Propiedade: ComunalPrivada
Uso actual: Sen usoForestal
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

Hai varias lendas asociadas a este xacemento, como que, pola forma do outeiro, sempre se dixo que os mouros vivían debaixo da terra, e alí hai unha gran bóveda que era o se pazo. Na croa hai, ademais, unha pedra moi venerada que se lle chama a silla da Raíña Moura, e efectivamente ten unha estraña forma de trono. Dicíase tamén que a entrada á bóveda dos mouros está, precisamente, no alxibe citado. Dende o castro ía a Raíña Moura a peitearse na chamada a fonte da Tecedeira, a carón dunha ponte monolítica que axuda a pasar o regato e ir ata Medeiros, e que unha vez que unha pastora pasou por alí, trocoulle o pano que levaba (gustáballe) a rapaza polo que levaba ela, que tiña fíos de prata.
Pero a lenda máis interesante e completa é ademais unha lenda semihistórica e non moralista (en termos antropolóxicos): dícese que un mozo que volvía do servicio militar polo camiño de Requeixo a Medeiros foi chamado pola Raíña Moura, que andaba por alí e díxolle, con voz moi clara, que se quería converter ao cristianismo pero para eso tiña que vir o mozo ao día seguinte e ela apareceríaselle en forma dunha gran serpe, á que tiña que bicar tres veces na boca. A Raíña prometeulle moitas riquezas se lle cumpría ese favor, pero se non o facía nese mesmo intre o devoraría. Como non tiña opción, o mozo volveu ao día seguinte para cumprir a súa misión ao mesmo lugar onde vira á moura, pero apareceulle unha grande cobra, á que bicou tres veces na boca, cos ollos pechos. Ao cabo, a serpe converteuse nunha moza moi guapa que acompañou ao mozo ata Medeiros para que se convertese ao cristianismo, e ademais casou con ela. Ao principio, a xente de Medeiros acolleunos con alegría, pero ao pouco tempo, e vendo a Raíña Moura devoraba cada día unha vaca ou un boi, dixéronlle, con medo do seu xenio, que non podían manter o seu apetito. A Moura, comprensiva, díxolles que marcharían en canto baixase o primeiro carro de herba do Larouco (mediados de setembro, máis ou menos). Ocorrido esto, baixaron a herba, cargaron as súas riquezas e a moura e o mozo baixaron a vivir a Quinta do Perú (unha gran finca desaparecida que tiña un pazo que queimaron os soldados napoleónicos ao seu paso polo val do Támega), pero antes, como agrademento ao bo trato dos paisanos, regaloulles a semente da vide, do viño, co que o primeiro viño da comarca se fixo nos socalcos artificiais das ladeiras do castro (que aínda persisten alí, únicos na comarca, ademáis de moitos lagares rupestres, incluso dentro do propio castro).


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Non
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 41.9048482595
Lonxitude: -7.52758741378
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84