
Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Cesuras / Oza dos Ríos
Parroquia: Porzomillos (San Pedro)
Lugar: Porzomillos
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval,
Descrición:
A igrexa de Porzomillos ten unha soa nave e planta rectangular e sancristía apegada na fachada lateral esquerda. Da súa orixe románica so conserva a ábsida, rectangular, con bóveda de canón apuntada, reforzada cun arco faixón, construída en cantería. Na cabeceira, cara ó exterior, ábrese un rosetón, calado nunha mesma pedra, de un metro de diámetro, cunha figura xeométrica formada por dous triángulos secantes e seis semicírculos que cortan os seus vértices. Cara ó interior, está completamente tapado por un retablo moderno que oculta tras de si dito rosetón. No piñón do muro da ábsida, sobre un carneiro, hai un cruz xeométrica e máis arriba, no piñon da nave, a figura dun boi, posiblemente o boi de San Lucas. semella que alí tivo orixinalmente unha cruz e que agora ocúpao un pináculo con bola. Cara o centro dos muros laterais da ábsida colocáronse contrafortes para contrarrestar os empuxes do arco faixón. Debaixo do aleiro podemos ollar os canzoriños; catro por cada lado, representando nun deles unha figura feminina, coa cabeza rota, e mostrando o seu sexo, os sete restantes decóranse con dous rolos ou son de proa.
Na fachada lateral dereita ábrese una porta de acceso cun tímpano semicircular liso enrasado co muro, que descansa sobre dúas mochetas de proa. Neste lado aparece tamén un contraforte e un sinxelo van de luz tipo saeteira. O aleiro orixinal xunto cos canzoriños desapareceron a causa das diversas remodelacións sufridas.
O interior da igrexa non presenta ningún elemento de interese artístico destacábel, agás a propia ábsida. Os dous arcos do interior son de directriz apuntada e están sostidos por columnas de fuste corto sobre bases tóricas con garras reforzando o plinto e con capiteis entrelazados, volutas e ramas. O tipo de capitel resulta distinto dos da zona sendo algúns dos seus rasgos decorativos máis notábeis o que permiten establecer unha relación estilística cos templos cisterciences Oseira, Melón e Meira. Ós lados da ábsida hai un asento de pedra corrido.
A fachada de traza sinxela, segue un esquema pentagonal e no eixo vertical central, organízase de abaixo arriba, mediante a porta principal de acceso alintelada. Sobre o ingreso vai un óculo semicircular, e enriba deste, na base da espadana, ten unha fornela coa imaxe do santo patrón. Remata o conxunto unha espadana de dous corpos, o primeiro formado por dous arcos de medio punto que descansan sobre piares e serven para aloxar-las campás. O segundo un frontón triangular de dúas pezas con cadanseu oco e rematado por un pináculo moldurado cunha cruz de forxa enriba.
Como noutras igrexas do rural galego, aparece o cemiterio dentro do recinto do adro, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos.
O templo está datado a finais do século XII e principios do XIII aínda que en documentación antiga, temos coñecemento da vila no ano 887, onde Sisnando realizou unha escritura de dote a favor da súa muller Eldonda, pola cal outorgáballe a vila de “Porcimilio” entre outras. No ano 1316, concédeselle a metade dos dereitos eclesiásticos desta freguesía ó novo tesoreiro da igrexa de Santiago, chamado Xoán Patiño. Noutras documentacións antigas, cítase como Porcimilios, Porcimilia e Portimillo. Ademáis era lugar de paso da calzada romana que ía de Betanzos a Lugo.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
– SORALUCE BLOND, J.R.; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña, Aranga, Cesuras, Coirós, Curtis, Oza dos Ríos e Vilasantar”. Vol. XVI. Deputación Provincial da Coruña, 1997.
– http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/OZADOSRIOS/documents/0299CA004.PDF
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 43.2468711744Lonxitude: -8.19723069677
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84