O catalogador Bruno Rúa, namorado confeso da arqueoloxía, relátanos as súas experiencias
“200 petróglifos catalogados e aínda vibro cando atopo un novo”
Bruno Rúa (Verín, 1972) inventariou xa máis de medio milleiro de bens en patrimoniogalego.net, a maioría na bisbarra de Monterrei, que el prefire designar como ‘Comarca do Támega’. De feito percorreu máis de 2.000 quilómetros e sacou máis de 5.000 fotos para públicar a Guía Arqueolóxica do Alto Támega. Catalogador experimentado, é o impulsor dun proxecto denominado “Aldeas de Monterrei”, sobre a riqueza antropolóxica e etnográfica da zona.
Cóntanos algo de ti, como o tipo de formación recibiches, a que te dedicas, se tes familia e mais onde resides.
Ademais de licenciado en Canto polo conservatorio de Santiago, estudei Filosofía, tamén en Compostela. Dentro da carreira, e con profesores como Federico Cocho e Xoán Manoel Pintos, entre outros, collinlle gusto á metodoloxía científica e á antropoloxía galega, gusto que me chega ata hoxe. En xeral, non limito a antropoloxía a Galicia. Gústame verme como cidadán do mundo. De feito, a miña muller é mexicana (e non vexas que pracer foi para min ver Teotihuacán e descubrir que as figuras dos deuses do sol e a lúa se parecían tanto aos cigarróns-peliqueiros do noso entroido) e o meu neno de 5 anos naceu catalán e medrou galego. Ata agora xa subín 523 fichas a patrimoniogalego.net, despois dun parón que non vai durar.
De onde che ven a paixón polo noso patrimonio cultural?
A paixón polo patrimonio vénme de lonxe. Na miña aldea, Medeiros, en Monterrei, hai tres castros, á parte doutras cousas, pero meu avó Santiago de pequeno levoume ao Muro da Cidade, un lugar especial e cun folclore emocionante que me fixo soñar. Xa con doce anos, e cando podía, ía cos amigos da aldea para imaxinar que eramos castrexos para organizar guerras no recinto, que remataban cun baño no espectacular canón do Búbal. Outras veces iamos máis ‘en serio’ para buscar a entrada da cova que nos tiña que levar ao tesouro agachado da raíña moura.
Logo, despois de moitos vaivéns, hai xa dez anos, e logo de tres anos de traballo duro, caín no paro, e durante seis meses fun cumprir o soño de visitar todos e cada un dos xacementos da comarca do Támega e todas as aldeas. Cerca de 2.000 km camiñados e máis de 5.000 fotos despois, animáronme a facer unha guía con todo ese material e publiquei a Guía Arqueolóxica do Alto Támega, da que están dúas edicións completamente vendidas e a terceira en preparación. Xa máis no meu, estou metido nun proxecto que chamo Aldeas de Monterrei, de recopilación do resto de material, non arqueolóxico (antropolóxico, sociolóxico, etnográfico), que tiven a fortuna de ir recollendo nese tempo, engandindo moitas máis cousas dende entón. Dentro do proxecto Aldeas de Monterrei teño armado un grupo de Facebook que xa ten case 2.600 socios a través do cal comparto e divulgo de maneira inmediata todo o que vou recollendo. O poder e a potencialidade das redes sociais estame sorprendendo gratamente, e descartando a cantidade de lixo que hai, está tendo un papel xenial en canto a divulgación científica, e tamén de retomar o orgullo de terra, de país. O camiño comezado hai dez anos aínda non rematou, e xa non creo que remate ata o fin dos días…, case 200 petróglifos catalogados e aínda me sinto vibrar cando atopo un novo… É unha ‘drogha’. (Agora estou no paro, por certo…, é o máis interesante da miña vida).
Patrimonio galego coñecino a través de Miguel Losada, quen me animou a sacar adiante toda esta información que gardo, e dende logo, encántame facelo. Creo que estou traballando por deixar o patrimonio da miña comarca mellor que antes de comezar.
“Cando lía os libros sobre o patrimonio galego, dábame rabia que desta comarca só se mencionasen dous ou tres castros, ningún petróglifo e ningunha mámoa, e esa foi unha das razóns polas que me botei ao monte”
En canto á zona na que resides, consideras que se trata dunha área especialmente rica en bens culturais? Como valoras o estado no que se encontran eses bens?
O patrimonio da comarca do Támega (chámolle do Támega porque dicir de Verín paréceme reducir demasiado o termo, e de Monterrei…. en fin, só é un termo histórico; o único que une realmente toda esta comarca é o río e os seus afluentes) é especialmente rico…, pero que vou dicir eu? Sen amalo nin ser chauvinista, como podería ser galego? He, he… Cando lía os libros sobre o patrimonio galego, dábame rabia que desta comarca só se mencionasen dous ou tres castros, ningún petróglifo e ningunha mámoa, e esa foi unha das razóns polas que me botei ao monte. O resultado é que a concentración de xacementos, dende logo, non é menor que noutros lugares de Galicia. Iso si, o estado no que se atopan moitos deles non é nada bo. Algúns diría que se atopan nunha situación desastrosa. Así e todo, en gran parte, sobre todo pola temperá desertización e a inusual forma de poboamento da zona con respecto ao resto de Galicia, consérvase mellor que noutros lugares. Ademais, considero que é unha das zonas menos estudadas de todo o país. É dicir, se eu, sen axuda, nin colectivos, levo atopado todo isto, non quero pensar que non haberá aínda por descubrir. Emociónome só de pensar que algún día aparecerá, nos bordos do Invernadoiro, algunha pintura milenaria como as que hai en Pala Pintá, en Alijo, a menos de 100 km en Portugal…. (Soñar é gratis).
Quítache moito tempo catalogar os bens?
O tempo que uso para catalogar sácoo principalmente da noite, referíndome ao traballo administrativo de subir as fichas. O traballo de campo xa o teño moi adiantado. E, cando podo, un par de días á semana dou unha boas camiñadas polo monte. Por suposto, paga a pena. Estudei Filosofía. É dicir, amor pola sabedoría… Á parte da satisfacción de aprender novas cousas, a emoción que sinto ao atopar novos xacementos e o feito de poder compartilos é incomparable!!
Cales foron as fichas que che deron máis traballo? Por que razóns?
Non podo dicir que unha ficha me dese máis traballo que outras. Máis ben, algún lugar deume máis traballo que outros. Principalmente A Ceadá das Chas. Cos 78 petróglifos que ten en menos de dúas hectáreas, estiven un mes enteiro colgando fichas do mesmo, ata o punto de chegar a pensar que non se me daba acabado… Aínda soño coas fichas (chas 34, chas 45, chas 56, chas 76…, Chas, chegar e zás, dicía o dito, pero non é certo, hehe).
“O día que atopei o Muro 2, non catalogado aínda daquela, deume a noite, imaxinando quen sería o fulano que gravou esas cousas hai tanto tempo e se estaría pensando en que séculos despois ía estar outro fulano coma min, encima da pedra admirándoo…”
De todos os bens que catalogaches, cal recomendarías tratar de visitar? Cóntanos por que.
De todo o que visitei, a nivel de coñecemento e curiosidade, o máis interesante é A Ceadá, polos petróglifos, polo castro, polas tumbas paleocristiás, pola cerámica calcolítica, polos restos altomedievais da Torre da Lobarzana…. É un lugar máxico nun dos vértices do val, e cunha secuencia ocupacional de 4.000 anos, máis ou menos. Que máis se pode pedir? Pero a nivel emocional, os petróglifos do Muro, en Sandín, cos seus deseños únicos en Galicia… O día que atopei o Muro 2, non catalogado aínda daquela, deume a noite, imaxinando quen sería o fulano que gravou esas cousas hai tanto tempo e se estaría pensando en que séculos despois ía estar outro fulano coma min, encima da pedra admirándoo…
Durante este tempo que levas catalogando bens vivirías algunha que outra anécdota. Cal che pareceu máis divertida ou curiosa?
Respecto deste último petróglifo si que tiven unha experiencia graciosa. A Universidade de Vigo pediume que conseguise un permiso dun particular para poder facer un estudo do mesmo, e como son veciño da zona, alá fun. Atopei o veciño, e despois das presentacións regulamentadas (e logo ti de quén ves sendo?) convidoume a tomar un viño na súa adega. Eu, que non bebo pero si sei a descortesía que sería ir pedirlle algo a alguén e non aceptar o que che ofrece, entrei na adega e bebín non un, senón dous viños, caseiros e pelexóns, e cando saín da adega, cando saín da aldea, e antes de baixar a Verín, tiven que meterme nun portelo co coche a durmir unha sesta, que non aguantaba abertos os ollos… Ai, mimá!, pensei. Que duro é isto da arqueoloxía, hahaha. Fora diso, a verdade é que grazas a andar preguntando por mouros e mouras e por lendas e contos para atopar pedras, levo atopado ademais unha calor humana nas aldeas que me dá moitas satisfaccións, principalmente cando descobres que creas unha confianza que vale ouro…
Que mellorarías do funcionamento de patrimoniogalego.net?
Que melloraría de patrimoniogalego.net? …E cómo o podería mellorar? A verdade é que pouco a pouco vou vendo o valor de futuro que representa esta web. Se cadra eu faría unha app para móbil, semellante a un xogo de busca do tesouro, onde a través de varias pistas, se axudase o ‘buscador’ a atopar ese tesouro… Sería divertido. Pero iso non melloraría o obxectivo a longo prazo, o importante, desta web. Grazas a vós por me dardes a oportunidade de compartir todo o que tiña gardado. O dito, saber moitas cousas e non compartilas é como non saber nada de nada, ou algo así dicía o mestre Jorge Luis Borges.