
Outra fotografía:

Tipo de ben: Asentamento,
Concello: Brión / Santiago (comarca)
Parroquia: Bastavales (San Xulián)
Lugar: O Rubial
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:
O lugar da Costolla podería tratarse dun asentamento de vixilancia ou atalaia con características moi parecidas pola súa situación topográfica a outros existentes na zona, e que controlan o val da depresión Meridiana, e a ruta entre Iria e Compostela, tendo un largo alcance visual sobre o territorio e os cumes dos montes que a flanquean. Está a unha altitude de 317 metros nun prominente outeiro rochoso que se eleva pola zona leste do monte Oleirón, preto da aldea do Rubial e a 1,3 quilómetros en liña recta da pequena fortaleza, nomeada como altomedieval, e asentada na súa ladeira, o Castelo do Oleirón ou do Rubial, que está a máis altitude, 460 metros, e que se trataría doutro lugar coa mesma función.
Estamos nunha zona onde abundan este tipo de asentamentos de refuxio e control nos cumes dos monte e a ambos lados deste val, como Pena Angueira, Castelo Redondo e Monte Castrelo (Padrón), Castelo do Oleirón (límite Rois- Brión) e Monte San Marcos (Ames), nomeando soamente aos máis cercanos deste e de características semellantes, cos que ten contacto visual. Ademais destes poderíamos divisar o Pico Sacro (Boqueixón) e a fortaleza de Castromaior ( San Xoán de Fecha. Santiago)
O microtopónimo “A Costolla”, proviría posiblemente de “costoia” (custodiam), que fai referencia ao que algúns autores definen como un indicativo do lugar da vixilancia que se exerce sobre unha ruta.
O afloramento de pedra no que se atopa cíngueo un muro duns 80 cm. de ancho, pola cara oeste, feito a base de dúas fileiras de perpiaños recheos de cachotería, que aínda son moi visibles sobresaíndo da maleza. A pesares das evidencias de extracción de pedra, na parte superior do afloramento aínda se aprecian na superficie intacta da pedra os rebaixes escuadrados que se practican para asentar estruturas. Podemos ver polo lado sur os restos dos muros dun pequeno recinto, duns 2,5 m. de lado, que aínda ten fileiras en pé, e que parece ser recente; un veciño afirma que aquí se celebraba unha pequena romería e noutro tempo podería existir unha capeliña. Está construído, este espazo da zona sur, nun lugar de voa visibilidade, e por agora non podemos relacionalo coa capela nin coas funcións de pastoreo ou do traballo dos canteiros.
Na parte máis alta do outeiro está gravada unha cruz na rocha, coa traza de ser antiga, atendendo a erosión dos bordes dos seus sucos.
Pola cara oeste, e embolsando ao cume do outeiro rochoso, hai un muro, inaccesible pola maleza, pero posiblemente feito de cachotería, duns 100 m. de longo que serve de contención a unha terraza duns 800 m², dun ancho máximo de 20 m., case chan e con moita menor pendente que o resto do monte. É moi difícil poder chegar ata el para analizar a súa natureza, pero é moi apreciable no visionado dos mapas lidar e de pendentes que puidemos consultar.
Fotogrametría:
Propiedade: Descoñecida
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Non está inventariado
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.8208083574Lonxitude: -8.68396282196
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
3 comentarios
elixiovieites says:
Dec 10, 2015
Un traballo sobre este tipo de fortalezas :
“Fortificaciones de altura en el entorno de
Santiago de Compostela. Hacia un primer análisis
arqueológico comparativo”
http://nailos.org/wp-content/uploads/2015/02/Nailos_2_art4.pdf
Mapa de pendentes 2009 da zona da Costolla no CDIX (zona central esquerda da imaxe)
http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/descargas/pdfs/PENDENTES/Pendentes_0120A-0501.pdf
Apréciase tamén a 900 m. ao oeste deste lugar, e na base da ladeira do
monte, o Castro de Bemil (Bastavales)
paeiro says:
Dec 14, 2015
Moitas cruces coma esa mirei e atopei, e moi intrigado me teñen.
Alguén sabe algo delas ou de se hai algunha publicación que intente explicalas?
Elixio Vieites says:
Dec 15, 2015
Están en sitios onde se buscaba certa protección relixiosa ou santificar o lugar. Pódense atopar en lugares cerca de camiños ou grandes marcos de pedra que serven de liña de límite de termo de parrroquias ou coutos. En rochas onde hai petróglifos, ou mámoas. Hainas en portas de muíños para bendicir a colleita e o gran e espantar o mal. Tamén onde houbo capelas ou calquer outro rito pagán ou acaeceu algunha morte. Tamén as hai en algúns casos nas rochas sobre as que había asentamentos tipo castelo roqueiro ou similar.