Outra fotografía:
Tipo de ben: Castro / Outros xacementos da Idade do Ferro, Castelo,
Concello: Melide / Terra de Melide (comarca)
Parroquia: Melide (San Pedro)
Lugar: Melide (O Castro do Castelo)
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Idade do Ferro, Época Baixomedieval,
Descrición:
O castro do Castelo está situado nun outeiro a 467 metros de altura sobre o nivel do mar. Tiña forma ovalada e podería ter unhas medidas aproximadas de 110 metros de Leste-Oeste por uns 55 metros de Norte a Sur, contando cunha superfie total de pouco máis de 5.000 metros cadrados. Este castro está practicamente arrasado debido as moitas accións que se fixeron nel durante a historia.
Na Idade Media, levántase un castelo, unhas das principais fortalezas da Mitra Compostelá. Este castelo construíuse a principios do 1200 cando Melide cambia de lugar, emprazándose o carón do castro. O 8 de setembro de 1214, estando o rei Afonso IX en Santiago concede o reguengo da vila e da terra de Abeancos á Igrexa de Santiago. A cambio recibe da Igrexa de Santiago, o castelo de San Xurxo (castro Sancti Iurgii) do monte Pindo, en terra de Carnota, cuxa terra e castelo fora concedido en 1028 a Santiago por Vermudo III e a súa nai a raíña Urraca. No ano 1127, Afonso VII vólvenllo a conceder, e Afonso IX que parece habelo recuperado vóltanllo a cambiar en 1209 polo que a Igrexa posuía en Atalaya de Pelayo, en Cáceres. Ao parecer a decisión última de Afonso IX de cambiar a terra de Abeancos a Santiago por este castelo, debíase a que durante estes anos, o castelo de S. Xurxo lle fose hostil ao arcebispo.
A vila convertida nun importante centro mercantil na Idade Media, atopábase guarnecida por unha fortaleza, Torre de Melide, e como outras, non foi allea aos desmáns e abusos por parte da nobreza laica. A protección da vila e os seus habitantes facíase necesaria. Por isto, no ano 1316, o arcebispo D. Rodrigo de Padrón dera en tenencia a Fernán Fernández de Aveancos e a Teresa Sánchez a vila de Melide, por unha renda de mil marabedís de ouro, coa condición de cercar de muro bo, como o que estaba comezado, a vila e o castelo e facer nel unha torre de tres sobrados. A obra non debeu de culminarse, porque o novo arcebispo de Santiago, D. Berenguel, señor da vila, expón as súas queixas ante Afonso XI. O monarca receptivo ante a evidencia accede aos desexos do arcebispo e, o 13 de xullo de 1320, concede ao concello e xustizas da vila o castelaxe de todas as bestas e mercancías que pasen pola vila, tal como o pagan en Triacastela e Sarria, durante seis años, para empregar a contía na construcción dunha muralla, posto que os habitantes de Melide recibían moitos males de cabaleiros, escudeiros e outros poderosos ao non estar a vila cercada.
A fortaleza de Melide, como outras do territorio galego, desapareceu no século XV. Primeiro foi derrocada pola revolta Irmandiña (1466-1469), que decidiron poñerse en contra do arcebispo Alonso de Fonseca e de Sancho Sánchez de Ulloa, e despois, permaneceu derruída pola eficiente labor dos delegados dos Reis Católicos en Galicia que impediron a súa reconstrución. As súas pedras, unha vez sufocada a revolta, aproveitáronse para a construcción do Convento de Sancti Spiritus situada na principal praza da vila de Melide.
No pleito Tavera-Fonseca fálase deste castelo como “que la dicha fortaleza y castillo de Mellid tenia una bara de casa muy alta e de muchos sobrados almenada e cubierta y guirnaldada con su inçinto de pared grueso en que abia alrrededor muchas torres cubiertas y almenadas y otros hedefiçios de aposientos y serviçios digan e declaren que torres y que hedifiçios abia y quien la derribo y en tiempo de que arçobispo y por que causa e si saben que la dicha fortaleza era la mas importante y mas necesaria de quantas tenia y tiene al arçobispo de Santiago ansi por ser la llave y entrada del arçobispado como por los muchos y grandes adbersarios que tiene alrrededor en aquella comarca y si saven quel dicho señor Patriarca dio la piedra de la dicha fortaleza al conde don Sancho para azer el monasterio de Sanctispiritus de la dicha villa de Mellid e que Luis de Azevedo hermano del dicho señor Patriarca por su mandato hizo mucho daño en la dicha fortaleza y la derrocó del todo e derribo los muros de la dicha villa de Mellid”.
Un tal Alonso de Piñor; labrador, veciño e morador de San Pedro de Macenda, de 80 anos declara neste pleito que “la vido una bara de casa muy alta e que no es acordado quantos sobrado tenia porque no estubo dentro della e que tenia su çerca alrrededor del castro de la dicha fortaleza la qual benia por donde agora paresçen por los cimentos de la dicha çerca e que en las hesquinas de la dicha bara de casa e puertas e bentanas hera de piedra de grano e lo otro hera de piedra tosca de losa…”.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta: RI.000007960
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Aínda hoxe coméntase que o outeiro no que se asentaba, está minado no seu interior, por misteriosos túneles e pasadizos, ós que se lle atribuía unha finalidade de vía de evacuación dos habitantes do castelo, no caso de ser sitiados. Os veciños comentan que existen estes condutos con saída a distintos puntos, como poden ser a actual rúa do Castelo ou o camiño de Sabián.
Incluso Florentino López Cuevillas, no Terra de Melide (1933), cando se refire ó folclore do castelo fai mención a estes pasadizos do seguinte xeito: “No Castro hai soterráneos e hai tamén tres trabes unha de ouro, outra de prata e outra de alquitrán. Se o buscador de tesouros atopa ista última trabe ou viga, o lume que se arma destrúe todo”.
Este folclore que recolle Cuevillas, ten máis vinculación co antigo castro que co Castelo. El fala dos subterráneos, pero en relación co castro, non coa fortaleza.
Algúns veciños tamén se teñen referido a estas pasaxes, ata agora non atopadas, como vellas minas para a captación e condución de augas.
Incluso hai quen di que nas casas que están adosadas á ladeira do outeiro, hai condutos ou bocas de túnel, actualmente tapiadas polos muros traseiros destas vivendas na rúa do Castelo. O certo é que non se ten documentado ou autenticado a súa existencia ata o de agora.
“Texto de Xurxo Broz e Cristina Vázquez de Melide (A Coruña). Marzo de 2015”.
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
BIBLIOGRAFÍA
-RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, A.: “Las fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños”. Volumen I e II. Fundación “Pedro Barrié de la Maza Conde de Fenosa”, 1984.
-Tumbo A da Catedral de Santiago, Estudio e ed. de M. Lucas Alvarez, Santiago, 1989.
ENLANCES WEB
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/MELIDE/documents/0215CA001.PDF (Pax. 3)
http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/
http://www.concellodemelide.org/interior.php?txt=arbore_web32&lg=gal
http://www.galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=18&id=2490
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Regular
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.9135671259Lonxitude: -8.01860243088
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
2 comentarios
Serxio says:
Mar 6, 2016
Tamén dicir que se dí, e creo que é certo, que a portada do castelo foi montada no antigo hospita lde peregrinos o que hoxe é o museo da terra de Melide.
Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira says:
Abr 8, 2016
Noraboa a Xosé Troiano pola completa e documentada descripción do Castelo de Melide. Para completar o comentario de Serxio engadimos un novo dato, segundo Don Manuel Taboada Roca, conde de Borraxeiros e fillo predilecto de Melide, autor de interesantes traballos sobre a historia de Melide, as dúas portas laterais da cabeceira da igrexa parroquial de Melide (antigo convento de Sancti Spírutus) con remate en arco rebaixado proveñen do derrocado castelo, e que serían poternas desa fortificación. Está documentado que foi o arcebispo Alonso II de Fonseca quen lle cede as pedras do castelo ó Conde de Monterrei, Don Sancho de Ulloa, para a reedificacíon do templo conventual no ano 1498.