Outra fotografía:
Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Poio / Pontevedra (comarca)
Parroquia: Poio (San Xoán)
Lugar: Poio
Outra denominación do ben: Convento de San Xoán de Poio
Cronoloxía: Época Altomedieval, Época Baixomedieval, Idade Moderna (XVI-XVIII),
Descrición:
Trátase dun antigo mosteiro bieito agora ocupado por unha comunidade mercedaria. A súa orixe é difícil de precisar e só constatábel desde mediados do século X, a súa orixe atribúese a San Fructuoso, o gran lexislador dos monxes na Gallaecia do século VII, nado na comarca do Bierzo e posteriormente bispo de Braga (antiga provincia da Gallaecia neses momentos), onde faleceu. Coñécese que foi dotado economicamente polo rei Bermudo II (982-999), aínda que o primeiro documento relativo a este mosteiro que se coñece está datado no ano 942 aludindo a unha doazón de bens feita polo cabaleiro Diego Apis a favor deste mosteiro. Fernando I e Alfonso VI favorecérono notablemente e no ano 1105, o conde don Ramón e a súa muller, a raíña Urraca, doáronlle a vila de Simes ademais doutra doazón no ano 1116, confirmando estas doazóns e tódolos privilexios anteriores o rei Fernando II, doándolle ademais a metade da igrexa de Santa María de Pontevedra e o privilexio de coto a tódalas posesións do mosteiro ficando vinculada á sé de Santiago no ano 1169. A finais do século XV, o mosteiro atopábase en decadencia, nunha visita do ano 1494 encóntrao nunha situación caótica. Máis tarde, as circunstancias cambiarían e a súa situación mellorou; no ano 1548 fundaríase un prestixioso Colexio Maior de Teoloxía por privilexio de Carlos I de España e V de Alemaña, impartindo nel as súas ensinanzas o Padre Feijóo. Mantivo a súa actividade como comunidade bieita ata o ano 1835, cando deben abandonar o mosteiro a causa da lei de desamortización, pero medio século despois, no ano 1890, chegan ata aquí os Relixiosos da Orde da Merced, que dende 1881 residían no convento de Conxo, en Santiago de Compostela, que forzados pola mitra compostelá, que establece un hospital psiquiátrico naquelas dependencias, a abandonar a cidade, aceptan establecerse en Poio como lugar máis acorde cos seus intereses e necesidades, restaurándoo e instalándose definitivamente ata hoxendía.
Durante o Renacemento e o Barroco, as cuantiosas rendas que o mosteiro recibía, procedentes da explotación agraria e mariña, permitiron ir substituíndo as vellas edificacións medievais por outras novas e monumentais, levadas a cabo por importantes mestres da época: Ruíz de Pámanes, Mateo López, frei Gabriel de Casas ou Pedro de Monteagudo.
Como legado desta etapa destacan ademais aspectos culturais como a Schola Cantorum e a célebre Salve de Poio, se ben a maior riqueza doada polo mosteiro é a súa inmensa biblioteca, que recolle máis de 100.000 volumes, ademais de lembranzas persoais do sacerdote Antonio Rey Soto, que habitou no mosteiro, entre as que se atopan debuxos de Castelao, cerámica de Sargadelos, etc.
A fachada do mosteiro é unha obra barroca de simple traza que conta cunha cuberta cunha fornela no que alberga a imaxe de San Bieito. O magnífico Claustro Procesional de corte renacentista con fermosas bóvedas estreladas, claves e ménsulas figuradas e unha fonte tipo chafariz no centro do patio, comézase a construír sobre o ano 1565 baixo a dirección de Mateo López, a raíz dos planos de Juan Ruiz de Pamames, sendo de planta cadrada que consta de dous niveis divididos en arcos. Máis tardío é o Claustro da Portería (Claustro das Laranxeiras), rectangular e dividido en tres niveis, todos de orde toscano. Foi construído entre 1747 e 1749, ó mesmo tempo ca escaleira de honra.
Tamén nesta etapa se construíu a igrexa monástica, datada entre finais do século XVII e mediados do XVIII, que mistura o clasicismo renacentista dos planos iniciais con elementos barrocos que foi adquirindo durante a prolongación da súa construción. Dita igrexa foi contratada a Pedro de Monteagudo no ano 1691, seguindo unha traza de Gabriel de Casas. No ano 1700, a obra ficou inconclusa e tivo que ser rematada por outro mestre. As torres semellan ó estilo barroco compostelán, en concreto co mestre Fernando de Casas Novoa.
A fachada da igrexa está enmarcada por dúas esveltas torres cunha portada con dous pares de columnas dóricas na parte inferior do corpo e dous pares de columnas corintias na parte superior. Na portada ollamos unha imaxe de San Xoán Bautista.
O interior da igrexa iniciouse en virtude dun plano clásico adquirindo elementos barrocos durante o seu longo proceso de construción, rematándose no século XVIII. Así, o traballo non se completou de acordo co plano orixinal, a pesares de que era moi respectado, así no ano 1708, estaba tallándose o abovedamento no cruceiro e no 1731, a construción da sacristía. O Padre Sarmiento dixo que a igrexa aínda estaba aberta no ano 1743.
Configúrase nunha gran nave cuberta con bóvedas de canón e bóvedas de crucería. Nela ábrense tres pequenas capelas comunicadas entre si a través de arcos de medio punto sobre os que se sitúan unha serie de balcóns.
A capela maior adórnase co retablo maior, traballo realizado no ano 1735, dividíndose en columnas salomónicas. Mostra imaxes de santos mercedarios do convento de Madrid, xunto con imaxes da Virxe da Merced, patroa da orde, San Xoán Bautista, patrón do convento. O antigo retablo encargado a Bernardo Cabrera no ano 1631, foi aproveitado en parte, para o retablo da capela de Cristo, antiga sacristía, na que se alberga a tumba da sueva de Santa Trahamunda.
Máis tardíos son os dous patios paralelos e a capela, realizados cando a chegada dos mercedarios.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta: RB.000033022
Categoría do Ben: Inventariado (Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
BIBLIOGRAFÍA
– FREIRE CAMANIEL, José:”El monacato gallego en la Edad Media”. A Coruña: Fund. Pedro Barrié de la Maza, 1998
– PÉREZ RODRÍGUEZ, Francisco Javier:”Mosteiros de Galicia na Idade Media”. Deputación Provincial de Ourense, 2008
ENLACES WEB
http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/
http://www.grupothais.com/galiciavivela/Patrimonio/Monasterios/Pontevedra/Poio.htm
http://www.terrasdepontevedra.org/gl/cultura-patrimonio/mosteiro-de-san-xoan-de-poio.html
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.446481624Lonxitude: -8.68509426724
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
1 comentario
Oscar Franco says:
Dec 8, 2017
Un condutor dana unha zona protexida do Mosteiro de Poio facendo o parvo co seu coche.
A prensa do 6 de decembro de 2017 así o recollía:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/poio/2017/12/06/conductor-novel-causa-danos-patrimonio-monasterio-poio-haciendo-derrapes-trompos/0003_201712201712061512554755605.htm
http://pontevedraviva.com/xeral/41797/identificado-autor-danos-ocasionados-patrimonio-historico-convento-poio-/