Outra fotografía:
Tipo de ben: Asentamento,
Concello: Cervantes
Parroquia: Cereixedo (Santiago)
Lugar: Airoá
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida,
Descrición:
O Teso do Castelo atópase a 659 metros de altitude, en terras da aldea de Airoá, na parroquia de Cereixedo (Cervantes). Documentado polo Colectivo Patrimonio dos Ancares. Trátase dun outeiro rochoso situado nun meandro que forma o río das Casas e o regueiro do Castelo que o arrodean case na súa totalidade, quedando o único punto de acceso pola cara este. Agás por esta parte, o resto resulta practicamente inaccesible debido ás enormes penas, case verticais, que dende a parte máis alta afloran ata as correntes fluviais citadas. Hai uns anos, ao acondicionar a estrada LU-723, fixeron ao pé do teso unha explanada que destruíu varias rochas e eliminou un sendeiro que levaba ata a cima e outro que dende este baixaba cara o río.
Sobra aclarar que o que nos levou ata o Teso do Castelo foi a toponimia que, como soe acontecer, adoita ser precisa, sendo en moitísimos casos a única fonte que permite localizar antigos sitios arqueolóxicos.
As primeiras tentativas para determinar se o topónimo agochaba algún resto antigo comezámolas hai algúns meses, mais con resultados pouco satisfactorios debido, principalmente, á dificultade para chegar ata o cume, impedimentos cuxos culpables eran as verticais pendentes do monte e a impenetrable maleza. Cada vez que abriamos cos fouciños algún sendeiro, sempre nos atopabamos coas colosais rochas ou cos fortes desniveis do terreo. Pero a insistencia tivo premio a principios do mes de novembro. Despois de despexar un tramo demos de súpeto co que semellaba unha parede construída con pedras soltas. En efecto, limpamos o sitio e puidemos comprobar que se trataba dun muro de factura claramente artificial, realizado con pedras de bo tamaño, que comezada e remataba en dúas grandes penas separadas entre si por uns cinco metros. Foi ao final deste muro, entre cuxas pedras tamén medraba a matogueira, cando demos cunha pequena entrada que nos permitiu comprobar que chegaramos á cima. Aínda que continuaba a espeza maleza, observamos que nos adentraramos nunha pequena explanada de forma rectangular, duns 15 x 20 metros, que ocupaba a parte noreste do cume, protexida en todo o seu perímetro polos afloramentos rochosos e dúas murallas máis, construídas de rocha a rocha, que pechaban o recinto, unha xusto sobre o precipicipo e a outra a continuación da porta de acceso. Observando a contorna dende o alto, vimos que se dominaban os vellos camiños que baixaban dos elevados montes circundantes (un deles coñecido como Castelo de Airoá) e a cunca do río das Casas. Pero a maior sorpresa levámola cando miramos cara o sur. Case mimetizado coa paisaxe, auns 1.300 metros en liña recta, divisamos o impoñente castelo de Doiras, erixido nun outeiro rochoso a 752 metros de altitude.
Estabamos diante dunha atalaia relacionada coa fortaleza baixomedieval ou anterior? Antes de facérmonos conxecturas quixemos desvelar algunhas incógnitas, non fose que o que considerabamos como murallas resultasen ser outra cousa, suposición na que non críamos xa que tiñamos case a seguridade de que nun terreo tan escarpado, rochoso e de tan complicadísimo acceso a alguén se lle ocorrera utilizar o lugar para levar o gando ou para labores agrícolas, certidume que se veu confirmada por veciños das Casas do Río e de Airoá. En frase textual: “Alí só subían os corzos”. Preguntamos tamén se coñecían algunha historia ou lenda relacionada co Teso do Castelo: uns dixéronnos que nese castelo vivían os mouros, e outros que se fixera para defenderse dos “moros”.
Regresamos ao Teso do Castelo unha semana despois para ver se atopabamos máis vestixios. Nunha zona lixeiramente despexada de maleza, cando estabamos a remover a terra superficialmente, apareceron dúas moedas de cobre moi deterioradas e un anaco cerámico. Unha moeda, despois de indagar no que quedaba dos seus elementos figurativos e nas inscricións, sabemos que é do ano 1618, acuñada en tempos do rei Felipe III, que equivalía a catro maravedises. Aínda que coa inscrición incompleta, no anverso líase PHILIPPVS III, cun castelo e o numeral IIII encerrado nun círculo; e no reverso HISPANIARVM REX e un león nun círculo. Da segunda moeda non conseguimos descifrar absolutamente nada xa que apenas se distinguen algunhas desgastadísimas marcas.
O pasado día 8 de decembro achegámonos de novo. Cando estabamos a retirar unhas pequenas pedras amontoadas ao pé dunha rocha saíu á luz o anaco doutro recipiente cerámico. Ao limpar a terra adherida, observamos uns diminutos puntiños que destacaban entre a terra pola cara interior da peza que máis tarde puidemos comprobar que era po de ouro. Remexemos o resto do sitio pero non localizamos máis restos. Unha posible hipótese é que ese recipiente se utilizara para gardar po de ouro extraído do río das Casas. Segundo referencias orais, ata os anos cincoenta do pasado século aínda había mulleres que practicaban o bateo nos remansos dos recodos dos ríos das Casas e Navia. Na zona tamén están documentadas varias minas romanas a ceo aberto. A carón do Teso do Castelo discorría a Vía romana XIX que comunicaba Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusti (Astorga). Incluso o topónimo Doiras pode facer alusión á existencia de areas auríferas.
Non nos sorprendeu a escaseza de datos orais, do mesmo castelo de Doiras apenas se conta con información, nin oral nin escrita (e incluso arqueolóxica), tratándose do único castelo galego aínda en pé do que menos datos se posúen, nin sequera información fiable sobre as remodelacións que se acometeron despois da primeira compra o pasado século XX por un particular.
En resumo, sobre a cronoloxía do Teso do Castelo barallamos dúas hipóteses. Ou que se trata dun lugar de vixiancia relacionado co vía romana XIX e as explotacións auríferas da zona, ou dunha atalaia ou torre dependente do castelo de Doiras.
Os achados foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo e ao Concello de Cervantes.
Fotogrametría:
Propiedade: Privada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Non está inventariado
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Castelos e torres da comarca dos Ancares: arqueoloxiadosancares.blogspot.com
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 42.7946574709Lonxitude: -6.99090957642
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
1 comentario
Oscar Franco says:
Feb 9, 2022
O Teso do Castelo na prensa dixital do 8 de febreiro de 2022: O Colectivo Patrimonio dos Ancares atopa mateirais romanos o que demostraría a súa vinculación coas minas que explotou o Impeiro nesta comarca.
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/cervantes/2022/02/08/desvelado-misterio-teso-do-castelo-romano/00031644334928798237143.htm