Outra fotografía:

Tipo de ben: Asentamento,
Concello: Cervantes
Parroquia: Vilarello (Santa María)
Lugar: O Campo do Circo
Outra denominación do ben: Campamento do Campo do Circo
Cronoloxía: Época Romana,
Descrición:

O Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros atópase na serra dos Ancares, a cabalo entre as parroquias de Balboa (O Bierzo) e Vilarello (Cervantes). A parte máis elevada do monte, situada a 1.294 metros de altitude, presenta unha morfoloxía practicamente achairada, cun bo dominio visual sobre as cabeceiras dos ríos Navia e Balboa, que actúa como divisorio de augas.

No ano 1998, Mañanes Pérez é o primeiro en situar aquí un posible asentamento, indicando a existencia dun muro, se ben non se comprobou sobre o terreo. O propio topónimo, O Circo (latín circus), que en principio denunciaría un terreo de forma circular ou semicircular nun monte, tamén podería facer alusión (ademais de a un círculo lítico prehistórico) a un circo romano pola súa forma alongada. No ano 2000, a empresa Terra Arqueos redactou unha ficha para a Carta Arqueolóxica de Balboa designándoo como “lugar de habitación indeterminado” pero consierándoo como un antigo asentamento que podería estar relacionado coas mámoas dos Forniños (Vidal Encinas, 2015). En efecto, ao sur deste posible xacemento, distante uns 550 metros, nunha paraxe de monte baixo pertencente ao Bierzo, documéntanse tres túmulos do Neolítico (o Inventario de Patrimonio da Xunta de Galicia ubica a mámoa número 1, erradamente, en territorio galego). Tamén, no 2015, Andrés Menéndez Blanco, David González Álvarez e José Manuel Costa García fixeron unha descrición do campamento. Recentemente, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos outras dúas mámoas ao norte, xa en terras do concello de Cervantes, a uns 150 metros do asentamento.

Aínda que os restos sobre a superficie apenas son perceptibles, a utilización das novas tecnoloxías (fotografías aéreas, LIDAR, etc.) evidencian a existencia dun posible campamento de cronoloxía altoimperial romana. Tomando como referencia as fotos aéreas históricas, o recinto, de forma tirando a trapezoidal, tería unhas 4 hectáreas. Na actualidade só se aprecia de forma case imperceptible, debido á mesta vexetación, un parapeito ou cerco en ángulo recto (uns 160 x 85 metros) na parte do Bierzo; no lado galego as repoboacións forestais e a apertura de cortalumes e camiños arrasáronno na súa totalidade.

Este campamento da Cortiña dos Mouros, xunto co da Serra da Casiña, en Valverde (Balboa), gardan certa relación co trazado da vía XIX do Itinerario de Antonino a través do porto do Portelo ou cos pasos naturais existentes con anterioridade á calzada romana (Menéndez Blanco et al., 2015), en cuxas proximidades se localiza a aldea do Comeal (ou Cumial) onde se documentou un agger da vía. Entre ambos os dous campamentos hai pouco máis de seis quilómetros. Por outra parte, no extremo occidental, a uns vinte quilómetros do Campo do Circo, descubríronse no ano 2010 os campamentos romanos da Recacha (Navia de Suarna) e a Granda das Xarras (Ibias, Asturias-Candín, León) que dominaban os pasos de montaña que unen os Ancares e Ibias. Sen esquecermos do da Huerga de Frades, en Villazala.

As características destes sitios arqueolóxicos indican que se trata duns “castra aestiva” de cronoloxía altoimperial romana, uns campamentos temporais construídos polo exército romano no decurso das campañas militares durante as Guerras Astur-Cántabras (29-19 a.C.). Estas construccións actuaban como base de operacións onde se acuartelaban as tropas, onde se abastecían ás que estaban no frente, lugar de retirada no caso de seren fustrigados polas forzas locais, exploración dunha zona con recursos mineiros (só no concello de Cervantes están documentadas preto de 60 explotacións auríferas), infraestrutura de apoio á construción de camiños, etc.

Nos meses de febreiro e marzo de 2017, integrantes do noso colectivo peiteamos a zona removida polas máquinas (cortalumes) e as gabias feitas para a plantación de piñeiros (a parte mellor conservada, a do Bierzo, está cuberta por unha densísima matogueira) na procura dalgúns restos; a busca resultou infrutuosa, se ben é certo que neste tipo de asentamentos non é doado atopalos.

Para coñecer a cronoloxía do momento de ocupación do campamento do Campo do Circo (e do resto) é preciso emprender unhas serie de prospeccións e escavacións arqueolóxicas que nos poden amosar o protagonismo que tivo a serra dos Ancares no período de conquista e dominación romana de Galicia, e unha visión distinta das coñecidas como Guerras Astur-Cántabras, denominación que cremos pouco atinada, preferindo, en todo caso a de Guerras Galego-Astur-Cántabras.

No PXOM do Concello de Cervantes figura como un asentamento de tipoloxía indeterminada.


Fotogrametría:

Propiedade: Comunal
Uso actual: Sen usoForestal
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:

No ano 2011, uns veciños de San Miguel de Vilarello, de avanzada idade, contáronnos que no lugar había tres fornos de pedra para facer o cal que logo se utilizou na construción do castelo de Doiras. Daquí, tamén nos dixeran, os mouros levaban o ouro para agochalo na coñecida como Pena dos Mouros, situada non moi lonxe, preto da aldea de Riamonte de Baixo.


Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

A parte situada no concello de Cervantes foi totalmente arrasada por unha plantación de piñeiros, camiños e cortalumes.


Onde está localizado

Latitude: 42.7551135507
Lonxitude: -6.95628762245
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84