O Patrimonio Cultural de Galicia regúlase pola Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia (DOG nº 214, de 8 de novembro de 1995). Nela defínese este Patrimonio Cultural coma o “constituído por todos os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, haxan de ser considerados como de interese relevante para a permanencia e identidade da cultura galega a través do tempo”. Así, a Lei establece as determinacións necesarias para a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento deste, o noso Patrimonio, así como para a súa investigación e transmisión a xeracións futuras.
Aínda que é a Comunidade Autónoma quen ostenta a competencia exclusiva sobre o Patrimonio Cultural de interese de Galicia, a Lei 8/1995 establece que as institucións privadas cooperarán para a mellor consecución dos fins da devandita lei.
Neste marco desenrólase esta iniciativa do “Catálogo Social do Patrimonio Cultural de Galicia”, contribuíndo a difusión, investigación e fomento do noso Patrimonio, tanto material coma inmaterial.
Segundo a lexislación vixente, integran o Patrimonio Cultural de Galicia “os bens móbeis, inmóbeis e inmateriais de interese artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico. Tamén forman parte do mesmo o patrimonio documental e bibliográfico, os conxuntos urbanos, os lugares etnográficos, os xacementos e zonas arqueolóxicas, así como os sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico”.
Todos estes elementos integrantes do Patrimonio Cultural quedan ao disposto na lexislación vixente, especialmente no referido na normativa seguinte:
- Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia.
- Lei 16/1985, de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.
- Lei 3/1996, do 10 de maio, de Protección dos Camiños de Santiago.
- Decreto 449/73, de 23 de febreiro, polo que se colocan baixo a protección do Estado os hórreos ou cabazos antigos existentes en Galicia e Asturias.
- Decreto 561/1963, do 14 de marzal, sobre protección dos escudos, emblemas, pedras heráldicas, rolos de xustiza, cruces de termo e pezas similares de interese histórico-artístico.
- Decreto do 22 de abril de 1949 sobre os Castelos Españois.
- Decreto 232/2008 do 2 de outubro, do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.
Texto: Adela Oyonarte
Últimos comentarios