Outra fotografía:

Tipo de ben: Igrexa,
Concello: Muxía
Parroquia: Morquintián (Santa María)
Lugar: Morquintián
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Baixomedieval,
Descrición:

Igrexa románica de planta basilical e capela maior rectangular tanto no interior como no exterior. Presenta unha soa nave e conserva da disposición orixinal románica só a nave central, xa que a cabeceira foi modificada en época barroca. No interior do templo nada conserva do seu primitivo cariz románico, máis alá da planta. Unha reforma levada a cabo a primeiros do século XX substituíu algúns elementos da obra orixinal, coma a ábsida e o arco triunfal, ou disimulou outros coma os muros, que aínda na actualidade permanecen encalados. O único vestixio medieval interior son as dúas estreitas xanelas rematadas cuns arcos de medio punto e con derrame interno, situadas no muro norte da nave.
No exterior, adousada ó muro norte da ábsida, construíse unha sancristía rectangular que debe ser contemporánea á reedificación do templo. Anexa a esta polo norte, conserva unha torre-campanario medieval de traza cuadrangular de dous corpos. O primeiro unha base cuadrangular con acceso por unha escaleira pola súa parte traseira. O segundo corpo formado por arcos de medio punto sobre piares que serven para aloxa-la campá. Remata o campanario unha cúpula piramidal flanqueado por pináculos piramidais con bóla, un en cada esquina. Situado no testeiro da absida, aparece a figura dun león cunha cruz ás costas. Da súa cabeza destacan uns grandes ollos, orellas redondas e unha boca entreaberta cunha ringleira de agudos dentes; posúe unha abondosa melena a as súas extremidades anteriores rematan en amplas unllas. A súa expresión é de ferocidade, probablemente con finalidade apotropaica, é dicir, de “poderoso efecto ameazador”. O león é o símbolo de Cristo, un xuíz dos fregueses e defensor do templo. Entre a decoración escultórica desta igrexa destaca a serie de canzorros románicos que se conservan no exterior da nave, soportando o beiril. Refírese a temas frecuentes na iconografía románica representando unha serie de monstros e seres diabólicos e persoaxes que aluden ós vicios e pecados. Tamén aparecen símbolos de redención que lembran a acción salvadora de Cristo. Tres deles teñen figuración animal e especial mención merecen os dous cans de figuras humanas. O primeiro representa a un músico que apousa a viola sobre o ombreiro esquerdo, mentres leva o arco coa man dereita. Semella carecer de roupas. A súa dereita aparece un contorsionista colocado en posición invertida, arqueando as súas extremidades cara as costas. Ámbolos dous poden considerarse enmarcados nunha escea xograresca e decididamente profana, que se ve acentuada coa presenza contigua dun animal que leva unha das súas patas dianteiras na boca, coma desenvolvendo unha atracción circense.
A fachada segue un esquema pentagonal e no seu eixo vertical central, organízase de abaixo arriba, mediante unha porta formada por un arco de medio punto moi rebaixado que apoia en dúas columnas apegadas con capiteis. Sobre o ingreso practicouse unha grande abertura para un óculo. O piñón aparece rematado polos restos dun Agnus Dei deitado e, sobre el, unha cruz antefixa calada nun bloque de pedra, ben conservado.


Fotogrametría:

Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Elementos mobles:
Tradición oral:
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:

– SORALUCE BLOND, J.R.; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía”. Volumen IV. Deputación Provincial da Coruña, 1997.
– http://www.concellomuxia.com/pxom/


Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Onde está localizado

Latitude: 43.0467953883
Lonxitude: -9.2323614658
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84