Outra fotografía:
Tipo de ben: Mosteiro/Abadía/Cenobio/Priorado,
Concello: Mariña Occidental (comarca) / O Vicedo
Parroquia: Santo Estevo do Val
Lugar:
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Época Altomedieval, Época Baixomedieval,
Descrición:
Ruínas dun antigo cenobio do que se ten a primeira noticia documental no ano 1095, no que se alude a el como San Micaelis de Quonicularia. Sobre o mosteiro hai un grande baleiro documental ata o século XV, cando este é incorporado ao Bispado de Mondoñedo. Xa de aquela o edificio e o propio mosteiro debía estar moi empobrecido, e en 1522 o bispado ordea reparar a compostura. O edificio existente na actualidade ten o tellado caído e consta de tres estancias ao redor dun espacio baleiro central. Os muros do recinto principal acadan case un metro de grosor, mentres que nun edificio anexo, ubicado ao leste, son de sesenta centímetros. A división interna en dous espazos do edificio principal, dando lugar a dúas estancias similares, tamén parece ser posterior á propia edificación, xa que na fachada oeste hai unha fiestra tapiada no centro do lenzo. Esta fiestra ten dispostas ao redor pezas escultóricas amortizadas dunha estrutura anterior, de carácter decorativo.
O edificio podería corresponder a unha reforma/reestruturación encargada en 1522. Pouco despois, o mosteiro foi definitivamente abandonado.
Fotogrametría:
Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Dato descoñecido
Elementos mobles:
Tradición oral:
A primeira referencia lendaria á Coelleira foi publicada polo erudito local Justo Pico de Coaña publicou en La Ilustración Gallega y Asturiana, en 1888, o artigo en galego “Carta a Bastián da Pallarega”, en teoría un emigrante do país residente en Boston (Estados Unidos). Nese artigo, Pico de Coaña cóntalle que os primeiros monxes da Coelleira navegaban ata Viveiro, en barcas de Coiro, para dicir misa na capela que logo sería igrexa dos franciscanos.
A lenda máis coñecida da Coelleira é que fala do seu mosteiro templario. Un mosteiro no que serían executados a traizón trinta e cinco monxes soldados a cargo dun noble da familia de Bernal de Quirós, que deixou escrito no seu testamento do século XIV: “E tamén mando que se digan trinta e seis misas pola alma dos templarios que matei e fixen matar por orde do noso Señor o Rei en San Miguel da Coelleira”. O certo é que esta lenda está vivísima na zona, e aínda se conserva unha casa na que, na tradición familiar, figura que foi acollido o único templario que salvou da masacre.
Historia recente do ben:
Referencias bibliográficas:
Lence Santar, Enrique, La isla Colleira, Boletín Comisión Provincial de Monumentos históricos y artísticos de Lugo, t. I, nº 7, 1941.
Moure, Xabier. “Historia e lenda da illa da Coelleira” in “A Bufarda do Mouro” [blog]. URL: http://patrimoniodovicedo.blogspot.com.es/2011/06/historia-e-lenda-da-illa-da-coelleira.html [lectura: 2 de outubro de 2014]
Cal Pardo, Enrique, El monasterio de San Miguel de la isla de la Colleira. Historia y Leyenda. Colección documental. Madrid. 1983 – ISBN 8430095853
Afeccións
Ten camiño de acceso?: SiEstá cuberto de maleza: Si
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:
Onde está localizado
Latitude: 43.7581775199Lonxitude: -7.63226866722
Empregamos o sistema de coordenadas WGS84
4 comentarios
Oscar Franco says:
Out 6, 2014
Unha referencia sobre as lendas da illa Coelleira na seguinte ligazón:
http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=1516&n=lendas_da_illa_coelleira
magago says:
Out 7, 2014
E un post que fixen sobre a visita á Illa, cun primeiro plano da edificación do mosteiro e outros materiais.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2014/09/30/no-ronsel-das-barcas-de-coiro-explorando-o-mosteiro-de-san-miguel-da-coelleira/
Xabier Morue says:
Out 7, 2014
Nas dúas ocasións que estivemos no illote quedamos convencidos de que a construción que amosas no post correspondían a unha cabana feita polos veciños que, durante moito tempo, se desprazaron ata alí para sementar o pan; mesmo se aseguraba que as espigas de trigo eran tan brancas que refulxían dende lonxe. Mais ao ver as fotos que achegas coido que cómpre mudar de opinión. Descoñezo se se trata dunha construción pertencente ao cenobio, pero o que si parece claro é que ao menos algunhas pedras ben traballadas foron reutilizadas aquí. Cantos máis segredos agocha a Coelleira? Bo traballo.
magago says:
Out 12, 2014
Sen dúbida o edificio foi ocupado posteriormente ao abandono do mosteiro. E o edificio tivo varias reconstrucións con posterioridade á súa edificacion orixinal, como a división en tabiques da parte oeste ou un relevantamento do muro na parte oeste. En todos estes casos, destaca a peor calidade da obra nova con respecto á obra orixinal. O feito de que a fiestra do oeste (a que ten amortizados elementos decorativos) fora tapiada por esa divisoria tamén indica un cambio de funcionalidade claro do edificio. Agora ben, a envergadura dos muros da parte oeste fanme pensar nun edificio de calidade. E o feito de poñer coidado en amortizar os elementos medievais ao redor da fiestra tamén me fan pensar que deben ser da reforma encargada polo bispado en 1522. Creo que para ver unha cabana máis coxuntural, hai un exemplo illa arriba bastante interesante. Vese ben a diferencia de edificios.