Foi un soño, pero cumprímolo! Entre todas e todos acadamos os 10.000 bens culturais catalogados en patrimoniogalego.net. Pero quédanos moito traballo por diante.
O petróglifo da Laxe da Presiña, en Gondomar, catalogado por Óscar Franco, é a ficha 10.000 de patrimoniogalego.net, o catálogo social do patrimonio cultural galego. O obxectivo inicial que se marcara o equipo que puxo en marcha o catálogo social do patrimonio galego xa foi acadado. Desde 2011 recolle milleiros de bens culturais de carácter inmoble repartidos por toda a xeografía galega e catalogados por decenas de voluntarios. Desde patrimoniogalego.net estimamos que para realizar este traballo, catalogadores de todo o país percorreron máis de 200.000 quilómetros ao longo de Galicia. O equipo está a preparar actividades conmemorativas do fito acadado para os meses máis avanzados da primavera.
Ese aspecto é fundamental: non se pode entender o traballo de patrimoniogalego.net sen un grupo de catalogadores e editores constantes, xente constante, sistemática e teimuda, que desde os seus intereses, sacrifican tempo para poñer a disposición de todas e todos o seu coñecemento exhaustivo do territorio. Non é un grupo moi grande, como é habitual nas redes sociais, pero merecen a homenaxe e o agradecemento de todo este equipo e, estamos convencidos, dos numerosos usuarios diarios do web.
Chegar aos 10.000 bens culturais catalogados é un fito enorme dentro da historia do patrimonio cultural deste país. Sen financiamento público, agás o patrocinio do servidor por parte de Dinahosting desde o primeiro momento, un grupo de persoas foron quen de crear unha enorme cartografía do patrimonio cultural de Galicia, mentres as administracións públicas, obrigadas por lei á difusión pública do catálogo do patrimonio, continúan sen ofrecer ferramentas accesibles para acceder a esta información alén das puntuais necesidades da lexislación urbanística.
Pero chegar aos 10.000 bens culturais tamén nos fai conscientes da enorme diversidade e riqueza do noso patrimonio cultural. Fáltanos moitísimo por catalogar e por introducir: ese é o vindeiro reto de patrimoniogalego.net, avanzar e avanzar na catalogación, facer visible o patrimonio como unha forma non só de difusión, senón tamén de protección. E aquí seguiremos.